Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense
O Concello de Ourense prepárase para asumir, en marzo de 2018, a concesión municipal de abastecemento e saneamento, cando remate o contrato para a xestión integral do ciclo da auga. Así o manifestou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na comparecencia pública na que deu conta dos asuntos tratados na xunta de goberno local celebrada o cinco de xaneiro.

“Debemos empezar a traballar desde xa no tema, xa que vai implicar unha serie de actuacións de grande importancia para este Concello”, dixo. Entre eles: “a supervisión técnica da redacción de pregos administrativos; liquidación do contrato en vigor e o seguimento da posta en marcha da nova concesión e implantación dos modelos de control e seguimento; así como para a incorporación da nova EDAR ao sistema de depuración municipal xestionado pola concesionaria”.

A Concellería de Infraestruturas contratará, para coordinar esta previsión, por tres anos e baixo a fórmula de funcionario interino de programa, un enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos que axude a realizar este traballo. “Teremos que decidir sobre a forma máis axeitada para a prestación deste servizo básico e fundamental para unha cidade e para os seus habitantes”, afirmaba o rexedor. A previsión de traballo inclúe, ademais, a próxima entrega da nova estación depuradora de augas residuais, actualmente en fase de probas.

A prestación do novo servizo de abastecemento e saneamento de auga deberá ter como obxectivos principais non só a prestación cos debidos niveis de calidade no subministro e na depuración, senón tamén facer fronte a un plan de conservación e mantemento das redes existentes, a redución de presas de auga tratada e filtración ao medio natural.

Licenzas urbanísticas de actividade, apertura e disciplina

A xunta de goberno local desta mañá tratou, ademais, outros asuntos na orde do día, maiormente referidos a licenzas urbanísticas de actividade, apertura e disciplina. Así, en dous deles declarouse que non eran necesarias licenzas de segregación en Velle e no Pino por esgotarse o prazo establecido e conforme á nova Lei do Solo de Galicia. No tocante ás aperturas, concedéronse licenzas para a adaptación de locais para cafeterías na avenida de Marín e na avenida da Habana, así como para oficina bancaria na rúa do Paseo.

En materia de disciplina urbanística, abordáronse dous expedientes relativos á construción de pozos en Ceboliño. Un deles foi estimado, xa que a construción é ilegalizable segundo os técnicos e terá que ser demolido. O segundo foi arquivado e incoarase expediente sancionador de novo.

Eficiencia Enerxética no Consello Municipal de Deportes

Xa fóra da orde do día, a Concellería de Deportes informou de que as medidas de eficiencia enerxética adoptadas polo goberno municipal no Pavillón dos Remedios desde o mes de febreiro de 2016, sobre todo no referido ao aproveitamento da auga termal das Burgas, conlevaron un aforro do 52% na factura de gas natural, supoñendo 60.000 euros de aforro para as arcas municipais durante o pasado exercicio.

As conclusións da Auditoría, realizada o pasado mes de decembro polo enxeñeiro Manuel Pardo, céntranse basicamente no aproveitamento da auga termal das Burgas. Por unha banda, na mellora das canalizacións e conducións desde a surxencia ao Pavillón e por outro, na mellora do aproveitamento da temperatura da auga dentro do Pavillón. As canalizacións están en fase de proxecto, mentres que a montaxe de dous sistemas de intercambiadores -un deles para pre-quecer a auga que entra nas caldeiras- conseguíu que o salto térmico sexa duns 20º (anteriormente era duns 40º-45º). O outro intercambiador serve para quentar o circuíto de auga das piscinas, de xeito que estas se quentan case exclusivamente coa auga termal.

Limpeza do CMD

Finalmente, o alcalde deu conta da sinatura, o 29 de decembro pasado, do contrato de limpeza das instalacións deportivas municipais coa empresa Valoriza Facilities, S.A., resultado dun procedemento de contratación aberto que finalizou o pasado 01 de decembro coa adxudicación definitiva. Segundo as indicacións do prego, as empresas debían de presentar unha memoria técnica sobre as tarefas e espazos a limpar. A empresa gañadora do concurso resultou ser a mesma que obtivo maior valoración nesta parte técnica. Por outra banda, esta empresa gañadora tamén foi a que presentou a oferta coa maior baixa. Un 6,66% sobre o prezo de licitación de 127.499,88€, co que o prezo resultante da oferta será duns: 119.008,39€, máis IVE.

Contratación

A xunta de goberno tratou dous expedientes achegados polo departamento de Contratación: por unha banda, a ordenación decrecente das ofertas presentadas para o arrendamento dun inmoble cuxo uso será cedido á AVV Rúa do 21. A única oferta presentada ten agora 10 días para aportar a documentación requerida para a súa contratación. O segundo asunto foi aprobar o expediente para contratar o gasóleo para calefacción nas diferentes dependencias do Concello. O custe anual será de 52.500 euros.