Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Os bombeiros de Ourense conmemoran a festividade do seu patrón, San Xoán de Deus, e para celebralo abrirán as portas do seu traballo para que todos os cidadáns coñezan o servizo por dentro. Será este sábado, e horario de 10:00 a 13:00 horas, unha cita na que estarán presentes todos os servizos de emerxencias da cidade xunto ao Servizo de Extinción de Incendios: 061, Garda Civil, Policía Local, Autonómica e Nacional e Protección Civil.

O concelleiro Carlos Campos animou a todos os cidadáns, durante a presentación, “a coñecer as instalacións, os medios de traballo e, sobre todo, os recursos para actuar nas emerxencias deste Concello, unha oportunidade fantástica e única que non debemos desaproveitar”, dixo.

Durante a xornada de portas abertas, os asistentes poderán recibir consellos sobre prevención de incendios, accidentes ou como actuar en casos de emerxencias. Tamén haberá material audiovisual relacionado coa extinción de incendios dedicado aos máis cativos e unha visita guiada polo museo de material antigo e rescatado. Tamén se poderá visitar a sala de comunicacións e ver in situ o proceso dunha emerxencia. “Pero tamén poderán montar no camión e tocar todo o que temos para amosarlles”, explicaba o cabo do Servizo de Extinción, José Luís Rubín Currás.

Preténdese que a xornada de portas abertas sexa algo periódico e habitual, pois o obxectivo é que “nos coñezan por dentro, pois só teñen a imaxe do camión pola rúa”, explicaba Currás. O persoal do servizo de extinción que atenda a visita será voluntario, e o resto dos traballadores que acompañen a xornada estarán previdos por se ocorre algunha emerxencia.

Os actos da festividade pecharanse o vindeiro mércores 8 -día propio do patrón- cunha misa solemne e un acto institucional.