Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O Boletín Oficial da Provincia publicou o 19 de  decembro de 2016 as bases reguladoras do Programa de Vivendas Baleiras, dentro do Plan Galego de Rehabilitación, Alugueiro e Mellora do Acceso á Vivenda 2015 – 2020 (Plan RehaVIta)

Trátase dunha noticia importante para Ourense en materia social e integradora, como é a aprobación definitiva polo IGVS da publicación, para a súa efectiva entrada en funcionamento, das bases reguladoras do Programa de Vivendas Baleiras.

Logo de se abrir un período de alegacións, as bases xa incorporan os impresos de solicitudes. Isto faise grazas a un acordo entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo e a FEGAMP. Cómpre salientar que o de Ourense foi o primeiro Concello de Galicia que solicitou a súa adhesión a este programa, xa o pasado 27 do mes de abril. É unha prioridade para o Concello de Ourense que quere mobilizar as vivendas baleiras existentes na nosa cidade para destinalas a alugueiro social.

A Lei de vivenda de Galicia establece que as administracións públicas poderán adoptar medidas dirixidas a impulsar a posta no mercado de vivendas en aluguer de vivendas baleiras, co obxectivo prioritario de favorecer o acceso á vivenda a colectivos singulares, en particular aos colectivos sociais especialmente desfavorecidos, vulnerables ou en situación de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas maiores e persoas novas que pretendan acceder á vivenda por primeira vez.

O custe máximo do aluguer será de 350€ e nunca superior ao 30% dos ingresos do inquilino. O Concello será o encargado de propoñer as vivendas que se poidan incorporar así como os adxudicatarios das mesmas, sempre respectando os requisitos establecidos. Pola súa parte, a Xunta comprometese a proporcionar para as vivendas que se incorporen un seguro multirrisco do fogar e un seguro da garantía do cobro da renda.

O Programa

O Programa de Vivendas baleiras permitirá, grazas ao convenio asinado entre o IGVS, a Fegamp e o Concello de Ourense, destinar vivendas baleiras de propiedade pública ou privada ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas.

As vivendas que se incorporen a este programa terán aseguradas, por parte do IGVS e sen custe para os propietarios, as seguintes coberturas:

  • Un seguro multirrisco do fogar, polo que quedarán cubertos todos aqueles danos sufridos pola vivenda durante a vixencia do arrendamento.
  • Un seguro da garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios e a asistencia e defensa xurídica dos arrendadores nos procesos de desafiuzamento ou reclamacións de cantidade por impago de rendas, que inclúa como mínimo os honorarios de avogado e dereitos e suplidos de procurador, cando a súa intervención sexa preceptiva, gastos notariais e de outorgamento de poderes para preitos e gastos de execución procesual. A garantía do cobro das rendas impagadas non poderá superar o período máximo de doce mensualidades.

Estas coberturas serán efectivas durante o tempo en que as vivendas permanezan arrendadas ao abeiro deste programa.

Demandantes

Os demandantes de vivendas incorporadas ao Programa de Vivendas Baleiras deberán cumprir, entre outros, os seguintes requisitos:

  • Atoparse nunha situación persoal ou familiar que supoña unha dificultade para acceder a unha vivenda de alugueiro no mesmo municipio.
  • Acreditar a percepción duns ingresos mínimos ou de axudas, públicas ou privadas, que lles permitan facer fronte ás obrigas económicas que deriven do contrato de arrendamento.
  • Non ter parentesco por vínculo de matrimonio ou outra relación estable análoga, por consanguinidade ou adopción, ata segundo grado, coas persoas arrendadoras. Este mesmo criterio aplicarase á relación entre a persoa arrendadora e a persoa arrendataria, cando a primeira sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios, das súas socias ou partícipes.

Colectivos preferentes

Terán preferencia na adxudicación das vivendas deste programa quenes pertenzan a un dos seguintes colectivos:

  • Unidades familiares ou de convivencia afectadas por procedementos de execución hipotecaria, sen necesidade de que exista unha resolución xudicial de finalización do citado procedemento xudicial.
  • Unidades familiares ou de convivencia afectadas por un procedemento xudicial de desafiuzamento por impago de rendas da súa vivenda habitual.
  • Unidades familiares ou unidades de convivencia con fillos menores, así como familias numerosas e familias monoparentais con fillos a cargo.
  • Unidades familiares ou de convivencia nos que existan mulleres vítimas de violencia de xénero, sempre que o documento acreditativo da situación de violencia fora adoptado ou emitido nos 12 meses inmediatamente anteriores a data de presentación da solicitude da vivenda. Así mesmo, será preciso que a orde de protección ou a medida cautelar estean vixentes.
  • Unidades familiares ou de convivencia nos que existan persoas maiores de 65 anos ou persoas dependentes.
  • Unidades familiares ou de convivencia nas que existan persoas que foran beneficiarias de axudas ao aluguer de programas xestionados polo IGVS e que, unha vez vencido o período máximo de percepción das mesmas, permanezan nunha situación de desprotección ou especial vulnerabilidade.
  • Unidades familiares ou de convivencia con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que foran privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.
  • Unidades familiares ou de convivencia formadas exclusivamente por mozos/as cunha idade comprendida entre os 18 e os 35 anos.

Documentación adxunta

Bases reguladoras do programa de Vivendas Baleiras do Concello de Ourense (pdf)