Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O Concello de Ourense será o primeiro de Galicia en sumarse á iniciativa “Doing Business”, programa deseñado para favorecer a captación de investimentos empresariais. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, adiantaba  en rolda de prensa a solicitude de adhesión ao convenio marco para a captación de investimentos asinado pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provinciais o pasado 10 de outubro. “O Concello Doing Business ofrecerá máis incentivos fiscais, simplificación administrativa e facilidades de acceso a solo empresarial para empresas de nova creación na cidade”, dixo.

Entre os incentivos están a bonificación de ata o 95% (cando se creen máis de 20 empregos; de ata o 75% cando se creen entre 11 e 20 empregos; e como mínimo do 50% pola creación de ata 10 empregos) no IBI, IAE e ICIO a aqueles proxectos que impliquen nova implantación, sempre e cando garantan a creación de emprego. Non suporá decrecemento dos ingresos do Concello, xa que se primará ás novas empresas.

Tampouco esixirá o Concello taxa por licencia de obra e apertura en todos os proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes, que conleven a creación de novos postos de traballo. Ademais, a concesión das licencias de obra maior terán un prazo máximo de 30 días naturais desde que o Concello dispoña de todos os informes. Con respecto ao solo empresarial, fixaranse prezos competitivos establecendo bonificacións e incorporará a súa oferta o dereito de superficie.

Ao mesmo tempo, e de acordo co convenio marco, co Concello de Ourense adherido a este plan, beneficiarase das medidas que a Xunta poña en marcha para apoiar o tecido empresarial. É dicir: naquelas axudas autonómicas destinadas a impulsar a industria, o emprego ou o emprendemento, o Concello de Ourense terá preferencia cando as convocatorias sexan en réxime de concorrencia competitiva.

“En definitiva”, resumía Vázquez Abad, “perseguimos consolidar a mellora económica xeral atraendo novas empresas, investimentos e emprendedores e, polo tanto, máis emprego, con máis incentivos fiscais, menos 'papeleo' administrativo e unha oferta de solo industrial coas mellores condicións”.

Así mesmo, o rexedor peneirou os 23 asuntos achegados polas diferentes concellerías e servizos municipais na xunta de goberno local celebrada hoxe.

Avogacía Consistorial. Tres personamentos e unha sentencia. O primeiro dos persoamentos, ante o Contencioso Administrativo número 1 de Ourense, refírese a unha sanción de tráfico por estacionar en zona ORA sen tíquet; o segundo, no mesmo xulgado, por un asunto de persoal; e o terceiro persoamento é como perxudicado por un delito de furto.

A sentenza é do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense, e estima parcialmente a reclamación de responsabilidade patrimonial dunha veciña de Ourense que reclamaba 2.100 euros polos danos sufridos logo de caer na rúa Cardenal Quevedo. A sentenza recoñécelle o dereito a percibir unha indemnización de 200 euros.

Licencias. Concedéronse catro licencias para a segregación dunha finca en Demadoiro (Canedo), para a instalación de senllos ascensores en edificios das rúas Ervedelo e Alfonso Alcaraz (Vistahermosa), e para unha reforma de acceso a un edificio na rúa Progreso.

Tamén se lle concedeu á Confederación Hidrográfica Miño-Sil licencia urbanística de obra para proxecto básico e de execución de adaptación para oficinas da planta segunda do edificio da Subdelegación do Goberno.

Disciplina urbanística. Tratáronse oito asuntos, dos que seis foron para incoar expedientes sancionadores por colocación ilegal de carteis en fachadas. Os outros dous asuntos foron: desestimar un recurso de reposición contra unha denuncia por instalación de porta de garaxe, e aprobar a liquidación definitiva dos gastos de execución material da demolición dunhas obras ilegais, xa que foron aboadas pola persoa que estaba obrigada a realizalas (e non polo Concello, malia que estaba reservado o crédito para elo).

Patrimonio. Por unha banda, desestimouse a reclamación de responsabilidade patrimonial dun participar por danos causados no seu vehículo tras chocar contra unha barra protectora dos colectores de lixo en Doutor Fléming. Por outra banda, estimouse a reclamación patrimonial presentada por un particular, tamén polos danos no seu vehículo, como consecuencia da caída dun transformador dun farol do alumeado público.

Contratación. Aprobouse o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, do servizo de interpretación artística da Banda Municipal. En primeiro lugar, considérase retirada a oferta presentada pola Asociación Cultural Banda de Música de Ourense, por non presentar a documentación solicitada unha vez realizada a ordenación decrecente das ofertas presentadas. Excluída, pois, a licitadora que mellor puntuación tiña, requíreselle agora á Asociación Cultural Ricardo Courtier para que no prazo de 10 días hábiles presente a documentación requerida polo Concello.

O segundo asunto deste apartado foi desestimar integramente o recurso de reposición presentado por Aspanas Termal SLU contra o acordo da Xunta de Goberno de 20 de xullo de 2017 polo que se acordou resolver o contrato asinado polo Concello o 15 de maio de 2009, no que se lle adxudicara a concesión da xestión do servizo público de conservación, mantemento e explotación do cámping de Untes.

Medio Ambiente. Aprobouse o gasto do servizo de xestión do centro de visitantes do Botánico de Montealegre, adxudicado a Xestores Medioambientales de Galicia SL, coa seguinte distribución por anualidades: 3.113,46 € para 2017, 21.698,91 € para 2018, e 4.934,94 € para 2019.

Fóra da orde do día. Nomeouse o responsable do contrato municipal de subministración de material de oficina: será o xefe de servizo de Servizos Xerais.