Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Na Xunta de Goberno Local do 22 de xullo abordáronse un total de 25 asuntos achegados polas diferentes concellerías e servizos municipais, entre os que cómpre salientar, polo seu número, os expedientes do Servizo de Licenzas Urbanísticas.

AVOGACIA CONSISTORIAL

Tres sentenzas, un auto e dous persoamentos. Comezamos por estes últimos:

  • Un personamento ante o Xulgado do Social núm. 4 no procedemento interposto por un traballador do Consello Municipal de Deportes na categoría de auxiliar monitor socorrista,que solicita ser declarado persoal indefinido.
  • O segundo personamento ante o Xulgado Primeira Instancia número 2 por presunto incumprimento de contrato de arrendamento dun local sito na Praza Sagrado Corazon Local 5 (AAVV Castelo)

Pasando agora ás sentenzas:

  • Informouse da sentenza ditada polo Contencioso-Administrativo núm. 2 de Ourense, que desestima a demanda interposta por unha particular que solicitaba a apertura dun expediente de reposición da legalidade urbanística por unhas obras de ampliación dun galpón na rúa Peliquín.
  • Tamén da sentenza ditada polo Xulgado Contencioso-Administrativo numero 2 que desestima o recurso dun particular contra un decreto de Urbanismo que non permitía o uso como vivenda dun trasteiro baixo cuberta na rúa Melchor Velasco.
  • Finalmente, tívose dunha sentenza especialmente importante, e favorable aos interesese do Concello, relativa á adxudicación do contrato de limpeza de edificios municipais. O procedemento xudicial foi iniciado a instancias da empresa PAU S.A. E, un Auto ditado polo Xulgado Contencioso-Administrativo numero 2 de Ourense desestima o incidente de execución promovido por Procedimiento de Asesos Urbanos PAU, S.A., acordando o arquivo das presentes actuacións. É dicir: o Xulgado avala as actuacións realizadas polo Concello e dita este auto concluíndo que xa executou na súa integridade o disposto na sentenza do 8 de outubro de 2015, confirmada por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 28 de abril de 2016. O Concello, en virtude desta sentenza do TSXG, retrotraeu o expediente de adxudicación do contrato ao momento de emisión dos informes técnicos que, aplicando as indicacións explicitadas polo tribunal na súa sentenza, acordaron excluír a todas as licitadoras. O Concello iniciou así un novo procedemento que rematou coa adxudicación do servizo á empresa Seralia. E o xulgado conclúe que o Concello actuou correctamente e executou na súa integridade a sentenza e desbota o incidente interposto por PAU.

SERVIZO DE LICENZAS URBANÍSTICAS, DE ACTIVIDADE, APERTURA E DISCIPLINA

Licenzas:

  • Concedeuse licenza para o derrubo do corpo traseiro do edificio que ocupa o número 37 da rúa Liberdade.
  • Do mesmo xeito, aprobouse a demolición da fachada do edificio número 8 da rúa Parada Justel.
  • Declaramos que era innecesaria a licenza de segregación dunha parcela na estrada vella – O mesón.
  • Por outra parte, estimouse a petición dun particular, por silencio positivo, para a execución dun edificio na Eira Vella.
  • Denegouse, desta vez, a solicitude de licenza urbanística para legalización de vivenda unifamiliar na rúa Alborada 17 ao non cumprir a cesión de viais que se indicaban nos informes técnicos de febreiro de 2015.
  • Os seis expedientes restantes deste apartado correspóndense con licenzas para a instalación de ascensores nos edificios. Concretamente, no Grupo Santa Bárbara, rúa Concordia, Río Tamega, Roi Páez, Prado Lameiro, e rúa Mercado.

Aperturas

No relativo ás aperturas, concedeuse unha licenza de obra para adaptación de local e apertura por actuación comunicada para almacén e comercio polo miúdo de repostos e accesorios de automóbil na rúa Juan de Anges.

Disciplina urbanística

En materia de Disciplina urbanística informouse da incoación de tres expedientes sancionadores por colocación ilegal de cartelería nas rúas da cidade, incumprindo o establecido no artigo 4.1 como no artigo 20 da Ordenanza Municipal.

CONTRATACIÓN 

  • Aprobación do expediente de contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de Sinalización vertical e pintura das vías do termo municipal de Ourense, cun custe de 100.000 euros repartidos en tres anualidades. Do mesmo xeito, aprobamos o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, do servizo de sinalización horizontal das vías do termo municipal de Ourense por un importe de 140.000 euros repartidos en tres anualidades. Entre a sinalización horizontal e a vertical, este Concello inviste un total de 240.000 euros
  • Por outra banda, aprobouse o gasto derivado do contrato de mantemento das aplicacións informáticas de Tesourería, Facenda, Recadación, Multas e Participación Cidadá do Concello de Ourense por un importe global para tres anualidades de 188.621,72 euros.

SERVIZO DE AUGAS

Rematamos os asuntos desta xunta de goberno co relativo ao servizo de AUGAS, con dous expedientes sancionadores á empresa Viaqua, Xestión Integral de Augas de Galicia SAU.

O primeiro, polos danos e prexuízos causados por realizar, sen autorizacion administrativa, verquidos de augas residuais dos núcleos de Casardomato, Palleira e A Gulpilleira. Solicítaselle á empresa a cantidade de 893,91 euros.

Finalmente, un expediente sancionador de 240 euros por incumprimento das condicións dunha autorización. Neste caso, a empresa ten 10 días hábiles para presentar alegacións e a documentación pertinente.

FESTAS DE OURENSE

E xa fóra da orde do día, aprobouse a adxudicación definitiva dos equipos de son para as festas de Ourense por un importe de 44.000 euros a favor de Global SetUp e Fernando Blanco.