Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de desestimar unha reclamación de responsabilidade patrimonial pola nulidade do Plan de Urbanismo de 2003, en relación coa área de reparto AR-17-e Diego Sarmiento Acuña 2. “A empresa reclamaba que se lle abonasen máis de 3,4 millóns de euros, dos que 755.000 eran en concepto de gastos sufridos polo desenvolvemento urbanístico da área de reparto e outros 2,6 millóns de euros por custes financeiros non recuperables”, explicaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa posterior á xunta de goberno local.

A reclamación da indemnización incluía tamén a perda da facultade de participar na urbanización e perda de edificabilidade de terreos da súa propiedade, pero o TSXG desestimou a pretensión. A sentenza di que a mera aprobación do planeamento non é suficiente para patrimonializar as expectativas urbanísticas nacidas do mesmo e que para ser así sería estritamente necesario que a empresa tivera levado a cabo o desenvolvemento completo nos prazos establecidos, feito que non se produciu. “Unha sentenza, en definitiva, moi favorable para este Concello”, en palabras do rexedor. Este foi só un dos 31 asuntos achegados por diferentes concellerías e servizos municipais na xunta de goberno celebrada esta mañá.

Avogacía consistorial.

Ademais da sentenza do TSXG, o Concello tivo coñecemento dun persoamento, en calidade de demandado, perante o xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense no procedemento interposto por unha particular nun expediente por inactividade do Concello diante dunha denuncia por ruídos en Seixalbo.

Tamén se coñeceu un auto da Sala do Social do Tribunal Supremo que inadmite o recurso dun ex traballador eventual, persoal de confianza do Concello contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de abril de 2016, nun procedemento por despido. A sentenza do Supremo é firme e pon fin a este procedemento. O ex traballador reclamaba por despido, unha pretensión que é rexeitada por terceira vez; primeiro polo Xulgado do Social, logo polo Superior de Xustiza e agora polo Supremo. Esta sentenza é firme

Tamén se deu conta dunha sentenza do Xulgado do Social núm. 4 de Ourense, que estima a demanda dun traballador do Consello Municipal de Deportes e lle recoñece que realizaba funcións diferentes ás do seu posto, obrigando ao Concello a modificar a súa categoría e a aboarlle 3.134,11 euros en calidade retroactiva pola diferenza de salarios.

Servizo de Licenzas Urbanísticas de Actividade, Apertura e Disciplina

A xunta de goberno acordou conceder licenza urbanística para a renovación da cuberta e da fachada de senllos inmobles, un na praza Serra Leboreira (Barrocás) e outro en Progreso 63. Conceder licenzas tamén para a instalación de ascensores en 7 edificios (Bonhome 18, Bedoya 24, Roi Páez 5, rúa Quintián 17, Barrocás 9, Ramón Puga 37 e 39), así como para a eliminación de barreiras arquitectónicas e acondicionamento do portal no edificio da rúa San Rosendo, 8. Aprobadas as licenzas para proxecto básicos e de execución dunha reforma de vivenda unifamiliar na rúa Cenlle; para dúas demolicións: a dun inmoble na rúa Castelo Ramiro 17 e para un edificio na Avda. de Marín.

Por outra parte, aprobáronse as modificacións introducidas durante a fase de execución das obras e licenza de ocupación de vivenda na rúa Pena do Vado, 6 para a rehabilitación integral dunha vivenda unifamiliar e o mesmo caso para outro inmoble, desta vez na Rúa do Paseo, 2, concedendo ademais licenza de primeira ocupación.

Finalmente, tívose coñecemento dun recurso de reposición contra a denegación de licenza de obra para oficinas no subsolo da Praza de San Antonio. “Así, asumimos integramente o informe xurídico de data 4 de abril de 2017 e desestimamos o recurso de reposición interposto pola Tesourería Xeral da Seguridade Social contra o acordo da XGL de 15 de setembro de 2016.”, explicou Jesús Vázquez.

No apartado de Aperturas, concedeuse licenza de obra de adaptación de local para clínica dental en Progreso 137 baixo.

En materia de Disciplina, senllos expedientes por colocación ilegal de cartelería nas rúas Pardo de Cela e Ribeira Sacra, así coma no campo da Feira.

Planeamento, xestión urbanística e patrimonio

En xestión urbanística, aprobouse a delimitación do ámbito de normalización de fincas e aprobación inicial do proxecto de normalización de predios na rúa Manuel Murguía. Este expediente someterase a información pública polo prazo dun mes mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia e notificación individualizada a todos os propietarios afectados. “Trátase dun proxecto normalizaciónn de fincas, unha sorte de reordenación da propiedade”, resumía Vázquez Abad.

En materia de Patrimonio, dúas reclamacións patrimoniais efectuadas polo propio Concello de Ourense. No primeiro caso, polos danos causados nos sinais de tráfico da glorieta do afiador (avenida Otero Pedrayo), 307,93€ en concepto de indemnización. No segundo caso, a reclamación de responsabilidade vai dirixida á compañía ECOURENSE UTE polos danos causados nun farol do alumeado público na rúa Río Mao pola suma de 666,55€

Augas

Tratáronse dous expedientes: O primeiro é un expediente sancionador da CHMS por importe de 300 € en concepto de multa coercitiva ao Concello de Ourense por non ter demolido un pozo de rexistro en dominio público en Sta. Ana do Pino. O segundo e último, recoñecer o pagamento de 426.32 € en concepto de custas procesuais e 100 euros máis en concepto de intereses de demora nun proceso do Contencioso Administrativo 2 de Ourense.

Asuntos Sociais

Deuse conta dunha desestimación dun recurso de reposición interposto por un particular que reclamaba unha tarxeta de estacionamento de persoa con discapacidade. Hai que dicir que o interesado non ten recoñecida a imposibilidade de uso do transporte público polos equipos de valoración e cualificación de minusvalías.

Comercio

A xunta de goberno desestimou o recurso dun particular contra a suspensión cautelar que lle impide colocar máis veladores.

Recursos Humanos

Finalmente, aprobouse aboar 200 euros en concepto de custas Xudiciais a favor do Xulgado do Social núm. 3 de Ourense por un procedemento xudicial.