Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Xuventude

Áreas

O Espazo Lusquiños acolle, desde o día 5 até o 31 de decembro, a exposición Código cero, da fotografa madrileña Silvia Castillo, incluída no programa do Outono Fotográfico, e que nace froito dunha experiencia persoal. A mostra poderase visitar libre e de balde na Sala Benito Losada do Espazo Lusquiños da Mocidade, na Avenida de Marín, 16.

Un código cero é un protocolo clínico de urxencia que se activa a nivel estatal ao aparecer un órgano apto para ser transplantado a unha persoa en risco de morte. No ano 2014 á autora desta exposición fotográfica fixéronlle un transplante bilateral de pulmón a causa dunha fibrose quística. A súa capacidade vital reiniciouse grazas a un doador anónimo, pero esta experiencia fixo tamén que a autora rompese con certos aspectos da súa vida anterior. "Decidín deixar o meu traballo en empresa para formarme e adicarme plenamente á que fora a miña maior paixón: a fotografía", di Castillo.

Nesta arte atopou unha oportunidade para expresar un conxunto de sensacións presentes durante o proceso de cambio dun órgano herdado fronte á perda dun propio. Con este proxecto pretende dar unha visión do que foi e é esta experiencia vital, a viaxe que supuxo afrontar a enfermidade, e a satisfacción de tela superado con éxito logo do transplante.

Siilvia Castillo (Madrid, 22/04/80) é licenciada en Tradución e Interpretacións e ten un máster en comercio exterior. Iniciou a súa traxectoria laboral en Alemaña e Bélxica, antes do transplante bipulmonar que significou un punto de inflexión na súa vida. Dedicada desde aquela á fotografía, estudou esta modalidade artística na escola Blank Paper, na Escola de Artes Visuais Lens, onde comezou a xermolar o proxecto que agora amosa en Ourense, ademais de expoñer de forma colectiva as súas primeiras imaxes, completando despois a súa formación en diferentes cursos e obradoiros.