Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Turismo e Termalismo

Áreas

Este martes, 21 de marzo, tivo lugar o acto de clausura e remate do Obradoiro de Emprego “Ourense Termal” que ofreceu formación e capacitación profesional a 40 persoas e permitiu realizar melloras na ribeira termal e no entorno do Centro de Interpretación das Burgas.

O alcalde, Jesús Vázquez, puxo en valor a importancia destes traballos, que permitiu acondicionar segundo a normativa vixente os locais destinados a bar-cafetería, tenda e punto de información no Centro de Interpretación das Burgas. “Un traballo fundamental para sacar, proximamente, a concesión da explotación dos apartamentos turísticos, que contan grazas ao voso traballo con renovado acceso e escaleiras no edificio da rúa do Baño”.

Jesús Vázquez tamén lles manifestou os seus parabéns aos participantes no obradoiro: “Noraboa por animarvos a participar da formación. Formación que sempre nos axuda a ser mellores: individual e socialmente. Por que digo isto? Individualmente... Porque logo destas horas de formación xa tedes capacidades en traballos de carpintería e mobles, e no acabado de ríxidos e urbanización. Están dentro de vós, pois vides de facer esta formación pero, sobre todo, están recoñecidas con estes diplomas que xa tedes nas vosas mans. Unha clave á hora da búsqueda de emprego, unha nova ferramenta".

No seu discurso o edil destacou que "as cidades medran coa mellora de todos os seus cidadáns. E as probas están aí: Grazas ao voso traballo, Ourense conta con novas e con mellores instalacións en dous dos emprazamentos máis estratéxicos da nosa cidade: no paseo da ribeira termal, e na contorna do Centro de Interpretación das Burgas”.

As obras realizadas

Ademáis, o rexedor ourensán desgranou as obras realizadas durante os seis meses de formación: “Nas ribeiras do río Miño, o lugar de lecer elixido por centos de ourensáns cada día e o puntal da nosa oferta turística cara ao exterior, colocamos 200 novos metros de canaleta para a recollida de augas; puxemos 5 novos bancos; renovamos varandas e engadimos 30 metros máis delas na zona do Muíño da Veiga para protexer a roda.

O alcalde destacou que o proxecto serviu para "facerlle máis doado o acceso e o desfrute das termas aos seus usuarios: para iso, optimizamos o acceso ás estacións termais retirando obstáculos innecesarios. Colocamos 15 monolitos con instruccións para o bo uso das instalacións termais, tanto na zona de Outariz como na do Tinteiro".

"Os ourensáns e os visitantes poden, agora, acceder tranquilamente ao recinto termal en bicicleta, pois xa está mellorado o aparcamento. Moverse por Ourense en bici, ir ás termas en bicicleta, xa non é unha utopía. Pero non só se trata de chegar: unha vez nas instalacións termais, o usuario atoparase con todas as taquillas acondicionadas: eliminanouse o sistema de moeda e e todas as taquillas están habilitadas para empregar candado. Pero os ourensáns non só veñen ao lecer, tamén veñen pola saúde: co arranxo da tarima e do lavapés no Tinteiro, dámoslle valor a unha zona que de por si é moi aprezada por todos nós. O voso traballo tamén se nota na contorna do Centro de Interpretación das Burgas. Non podemos sacar peito do que non temos. Pero temos unha estación termal de auga minero medicinal en pleno centro histórico de Ourense. E queremos dotala dos mellores servizos: queremos unha zona de estancia anexa ao Centro de Interpretación, e para iso acondiciomos os locais destinados a bar-cafetería, tenda e punto de información no Centro de Interpretación das Burgas”.

No remate da súa intervención, o alcalde de Ourense sinalou que “unha vez máis, grazas por axudarnos a manter a imaxe de Ourense como lugar ideal para vivir, o que tamén vai repercutir na imaxe de Ourense como destino turístico apetecible. Presumimos de ser a Capital termal de Galicia. Todos colaboramos en manter esa imaxe, e todos disfrutamos desa mellora da calidade de vida”.

Na clausura do obradoiro e entrega de diplomas participaron, ademáis do alcalde de Ourense e dos concelleiros de Termalismo e Infraestruturas, Jorge Pumar e José Araújo, o director xeral de Orientación e Promoción da Xunta de Galicia, Alfonso Marnotes; así como a delegada territorial do Executivo Galego en Ourense, Marisol Díaz.