Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Turismo e Termalismo

Áreas

Termalismo

Imaxe de Termas

Ourense non se entende sen a auga: a dos seus ríos e regatos, a da choiva, a que xoga nas fontes e moi especialmente as súas augas termais mineromedicinais. Baixo a cidade discorre un océano formado nas profundidades da terra, en acuíferos a máis de 1 km de profundidade, e que brota á superficie cun caudal de entre 3 e 4 millóns de litros ao día, un dos máis altos de Europa.

A tradición do baño termal acompaña a cidade desde as súas orixes, e aínda segue a practicarse nas numerosas instalacións dispoñibles: termas históricas, piscinas en plena natureza, pequenos balnearios inspirados polo afastado oriente...

As nosas augas son fonte de saúde, beleza e benestar: coidan a pel, polo que están indicadas para problemas dermatolóxicos, e son ademais unha forma magnífica de descontraer os músculos, sendo moi útiles á hora de tratar reumatismos, contracturas, etc.

Termas e historia: As Burgas

O termalismo en Ourense ten máis de dous mil anos de historia e comeza nos mananciais das Burgas. Os primeiros poboadores romanos levantaron aquí edificios para o culto e goce destas augas, iniciando unha tradición que chega até os nosos días. Declaradas en 2007 Bén de Interés Cultural, visitalas é imprescindible para coñecer a historia de Ourense e entender a súa íntima relación coas augas: tocalas e sorprenderse, descubrir os seus misterios no Centro de Interpretación e gozar dun baño na súa piscina termal, practicamente da mesma forma e no mesmo lugar que a dos nosos antepasados romanos hai dous mil anos.

Horario da Piscina termal das Burgas : 10.00 – 13.00 e 17.00 a 21.00 (Luns pechado)

Horario do Centro de Interpretación das Burgas: 10.00 – 13.00 e 17.00 a 20.00 (Luns pechado)

Toda a información dispoñible en http://turismodeourense.gal/gl/termalismo/termas­e­historia/

Termas e natureza: Roteiro Termal do Miño

As ribeiras do río Miño constitúen a grande arteria verde da cidade. No seu tramo máis occidental, despois da Ponte do Milenio, atopamos numerosos mananciais de auga termal, moitos deles acondicionados para o baño. Trátase do Roteiro Termal do Miño: 5 kilómetros de paseo e sete instalacións termais nas que descansar e relaxarnos mentres gozamos dun baño en plena natureza, sexa inverno ou verán.

A ruta comeza na marxe dereita do río, na zona termal da Chavasqueira, a máis próxima á cidade. Aquí poderemos elixir entre o ambiente de inspiración xaponesa da pequena estación termal da Chavasqueira ou un baño nas piscinas exteriores de acceso gratuíto.

O camiño continúa ata O Tinteiro, unha fonte­mirador moi frecuentada e, desde aquí, á zona termal de Muíño da Veiga coas súas catro piscinas. Un pouco máis adiante, a Estación Termal de Outarizofrece tratamentos de beleza, sauna e dous circuítos termais a prezos moi competitivos. Xusto antes da pasarela que cruza á marxe oposta atoparemos as piscinas de Outariz e Burga de Canedo, o maior centro de actividade termal en Ourense e,ademáis, de uso gratuíto. Na outra ribeira, en Reza, continúa o roteiro polo Paseo das Ninfas, onde veremos o último espazo termal a fonte de Reza.

Consellos para un baño termal

  • Antes do baño equípate con bañador, chanclas e toalla, xa que é necesario acudir a estas instalacións con roupa axeitada. En todas existen vestiarios e consignas a disposición dos bañistas para gardar as pertenzas comodamente.
  • Consulta o teu médico antes de acudir ás instalacións. Ten en conta que, tanto por composición mineral como pola súa elevada temperatura (entre 30o e 42o C), as augas termais de Ourense son un recurso medicinal.
  • Respecta os tempos da dixestión antes do baño e evita a exposición prolongada ao sol.
  • Lembra sempre tomar unha ducha para preparar a túa pel para o baño: eliminando restos de cremas e demáis productos absorberá mellor os minerais da auga e as súas propiedades.
  • Non está permitido o baño a menores de 3 anos. Tanto na piscina termal das Burgas como nas estacións de Outariz e A Chavasqueira a idade mínima sobe a 5 anos e, en calquera caso, nunca se recomenda para menores de 7 anos. Cos nenos é necesario extremar as precaucións, polo que o baño termal non debería superar os 10 ou ­15 minutos de duración.
  • Non se admiten mascotas. Se te atopas nas beiras do río Miño, o teu can gozará moito máis nas zonas verdes. En Outariz teñen, ademais, un espazo destinado para eles onde descansar á sombra.
  • Deixa de lado o teu teléfono móbil, aparello de música, cámara de fotos, etc., e mantén un ton de conversación moderado: non molestarás aos demais usuarios e gozarás máis do baño.
  • Son termas, non piscinas: non están pensadas para nadar nin mergullarse, tampouco para facer augadiñas ou salpicar.
  • Modera os tempos de baño: non deberían superar os 30 minutos. Tenta facer pausas e, se es valente, contrastes con auga fría.
  • Descansa sempre despois do baño e hidrátate bebendo líquidos. Aínda que non o pareza, as altas temperaturas da auga aceleran o metabolismo e cansan o corpo.
Pozas do Muiño

O luns 23 de outubro comezan as obras de reparación no muro perimetral das Termas do Muíño da Veiga. As actuacións consistirán na restauración do muro perimetral naquelas zonas nas que se atopa danado por mor das avenidas do río Miño. Para elo, reporanse ditas zonas mediante aporte de pedra igual, rexuntadas con morteiro de alta adherencia. O custe dos traballos será de 23.215 euros.

Visita as obras no Tinteiro

O alcalde Jesús Vázquez e o voceiro do PSdeG no Concello, Angel Vázquez Barquero, visitaron as obras na zona do Tinteiro, dentro do Plan de Investimentos, que rematarán a súa primeira fase este luns.

Piscina termal de As Burgas

A estación termal das Burgas reabrirá as súas portas ao público o mércores, 23 de agosto, no seu horario habitual de 10 a 13h e de 17 a 21 horas. Durante o22 de agosto permanecerán pechadas despois de que o día 21, dentro dos traballos de mantemento, o Concello de Ourense realizase a substitución da bomba de subministración de auga ás termas. Durante o martes, estase a realizar o enchido das piscinas termais, e a estación volverá estar en servizo o mércores 23 no seu horario habitual (de martes a domingo).

Piscina termal de As Burgas

O Concello de Ourense súmase á celebración do Día Mundial da Auga ampliando os horarios da piscina termal das Burgas do 22 ao 25 de marzo ata as 23.00 horas. Unha oportunidade única para gozar dun baño termal baixo as estrelas neste sitio histórico.

Visita as obras realizadas polo obradoiro de emprego

Este martes, 21 de marzo, tivo lugar o acto de clausura e remate do Obradoiro de Emprego “Ourense Termal” que ofreceu formación e capacitación profesional a 40 persoas e permitiu realizar melloras na ribeira termal e no entorno do Centro de Interpretación das Burgas.