Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Turismo e Termalismo

Áreas

 

A tradición do baño termal acompaña a cidade desde as súas orixes, e aínda segue a practicarse nas numerosas instalacións dispoñibles: termas históricas, piscinas en plena natureza, pequenos balnearios inspirados polo afastado oriente...

As nosas augas son fonte de saúde, beleza e benestar: coidan a pel, polo que están indicadas para problemas dermatolóxicos, e son ademais unha forma magnífica de descontraer os músculos, sendo moi útiles á hora de tratar reumatismos, contracturas, etc.

Termas e historia: As Burgas

O termalismo en Ourense ten máis de dous mil anos de historia e comeza nos mananciais das Burgas. Os primeiros poboadores romanos levantaron aquí edificios para o culto e goce destas augas, iniciando unha tradición que chega até os nosos días. Declaradas en 2007 Bén de Interés Cultural, visitalas é imprescindible para coñecer a historia de Ourense e entender a súa íntima relación coas augas: tocalas e sorprenderse, descubrir os seus misterios no Centro de Interpretación e gozar dun baño na súa piscina termal, practicamente da mesma forma e no mesmo lugar que a dos nosos antepasados romanos hai dous mil anos.

Horario da Piscina termal das Burgas : 10.00 – 13.00 e 17.00 a 21.00 (Luns pechado)

Horario do Centro de Interpretación das Burgas: 10.00 – 13.00 e 17.00 a 20.00 (Luns pechado)

Toda a información dispoñible en http://turismodeourense.gal/gl/termalismo/termas­e­historia/

 

Termas e natureza: Roteiro Termal do Miño

As ribeiras do río Miño constitúen a grande arteria verde da cidade. No seu tramo máis occidental, despois da Ponte do Milenio, atopamos numerosos mananciais de auga termal, moitos deles acondicionados para o baño. Trátase do Roteiro Termal do Miño: 5 kilómetros de paseo e sete instalacións termais nas que descansar e relaxarnos mentres gozamos dun baño en plena natureza, sexa inverno ou verán.

A ruta comeza na marxe dereita do río, na zona termal da Chavasqueira, a máis próxima á cidade. Aquí poderemos elixir entre o ambiente de inspiración xaponesa da pequena estación termal da Chavasqueira ou un baño nas piscinas exteriores de acceso gratuíto.

O camiño continúa ata O Tinteiro, unha fonte­mirador moi frecuentada e, desde aquí, á zona termal de Muíño da Veiga coas súas catro piscinas. Un pouco máis adiante, a Estación Termal de Outarizofrece tratamentos de beleza, sauna e dous circuítos termais a prezos moi competitivos. Xusto antes da pasarela que cruza á marxe oposta atoparemos as piscinas de Outariz e Burga de Canedo, o maior centro de actividade termal en Ourense e,ademáis, de uso gratuíto. Na outra ribeira, en Reza, continúa o roteiro polo Paseo das Ninfas, onde veremos o último espazo termal a fonte de Reza.

 

Consellos para un baño termal

Antes do baño

  • Equípate con bañador, chanclas e toalla, xa que é necesario acudir a estas instalacións con roupa axeitada. En todas existen vestiarios e consignas a disposición dos bañistas para gardar as pertenzas comodamente.
  • Consulta o teu médico antes de acudir ás instalacións. Ten en conta que, tanto por composición mineral como pola súa elevada temperatura (entre 30o e 42o C), as augas termais de Ourense son un recurso medicinal.
  • Respecta os tempos da dixestión antes do baño e evita a exposición prolongada ao sol.
  • Lembra sempre tomar unha ducha para preparar a túa pel para o baño: eliminando restos de cremas e demáis productos absorberá mellor os minerais da auga e as súas propiedades.

Se vas con nenos

Como normal xeneral, non está permitido o baño a menores de 3 anos. Tanto na piscina termal das Burgas como nas estacións de Outariz e A Chavasqueira a idade mínima sobe a 5 anos e, en calquera caso, nunca se recomenda para menores de 7 anos.

Cos nenos é necesario extremar as precaucións, polo que o baño termal non debería superar os 10 ou ­15 minutos de duración.

 

Normas de uso

As instalacións termais de Ourense son espazos de baño deseñados para a relaxación, polo que existen unha serie de normas de convivencia que é importante coñecer e respectar.

  • Non se admiten mascotas. Se te atopas nas beiras do río Miño, o teu can gozará moito máis nas zonas verdes. En Outariz teñen, ademais, un espazo destinado para eles onde descansar á sombra.
  • Deixa de lado o teu teléfono móbil, aparello de música, cámara de fotos, etc., e mantén un ton de conversación moderado: non molestarás aos demais usuarios e gozarás máis do baño.
  • Son termas, non piscinas: non están pensadas para nadar nin mergullarse, tampouco para facer augadiñas ou salpicar.
  • Modera os tempos de baño: non deberían superar os 30 minutos. Tenta facer pausas e, se es valente, contrastes con auga fría.

Descansa sempre despois do baño e hidrátate bebendo líquidos. Aínda que non o pareza, as altas temperaturas da auga aceleran o metabolismo e cansan o corpo.