Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Turismo e Termalismo

Áreas

A Concellería de Turismo promociona a cidade de Ourense como destino turístico en toda España a través de Club Ourense Baloncesto. “Márcate un triple en Ourense” é o título da nova campaña que pon en marcha a Concellería, coa finalidade de posicionar a cidade como un destino turístico ideal entre o público seguidor do baloncesto nacional, convidándoos a gozar de tres grandes atractivos; baloncesto, espazos termais e gastronomía, xunto con recursos como o patrimonio, a súa oferta cultural ou a paisaxe.

A campaña convida a experimentar a  sorpresa que Ourense supón para o visitante e persigue divulgar o potencial de Ourense entre un público segmentado: os afeccionados ao deporte, neste caso o baloncesto. Utiliza como embaixador ao C.O.B., o equipo de maior proxección pública de Ourense, por competir en liga nacional LEB Oro, segunda categoría do baloncesto español, xunto a cidades de superior ou similar poboación (Burgos, Huesca, Vitoria, Oviedo, A Coruña ou Lugo entre outras) que mobilizan nos seus partidos milleiros de espectadores.

En cada partido que Ourense dispute ata final de temporada fóra da casa, o C.O.B. divulgará os recursos turísticos da cidade cun expositor emprazado no propio pavillón onde se xogue o partido, no que o público local terá a oportunidade de coñecer a oferta termal da cidade. Este stand recrea unha vista panorámica das Termas do Muiño, e nel se poderá visionar un vídeo promocional de Ourense e se distribuirán dípticos que convidan a “marcarse un triple” na cidade. A campaña inclúe tamén concursos, accións en redes sociais, e o rotulado da traseira do propio autobús do equipo ourensán.

Campaña novidosa

“Queremos posicionar Ourense como unha cidade perfecta como destino turístico, e apostamos por aproveitar todos os recursos e potenciais dos que a cidade dispón”, asegura o concelleiro de Turismo, Jorge Pumar, quen lembra que o C.O.B. “é un referente do deporte na cidade, un elemento da marca Ourense presente en todos os aficionados ao baloncesto, e cremos que é un excelente embaixador da nosa oferta turística nun público obxectivo segmentado e que nos interesa especialmente: os aficionados ao deporte”.

Será, asegura, “unha campaña novidosa, directa e proactiva, xa que promocionaremos Ourense nas propias cidades nas que xoga o COB e achegamos directamente aos seus afeccionados a oferta de Ourense, que é capital termal, sí, mais ten tamén moitos outros recursos para disfrutar e sobre todo, constitúe unha agradable sorpresa e un plan perfecto para gozar do tempo de lecer”.

Desde o equipo ourensán “agradecemos que a Concellería de Turismo e Termalismo, e o seu concelleiro Jorge Pumar, confíen no COB para promocionar a cidade de Ourense por toda España”, asegura o presidente do club, Camilo Álvarez.

Dez mil espectadores de media nos partidos

As accións promocionais inclúen inicialmente cinco partidos; Marín, Vitoria, Logroño, Cáceres e Lleida, e poderánse ampliar en caso de que o equipo se clasifique a playoffs. Os cinco equipos suman case 7.000 socios e 9.950 espectadores de media nos seus partidos: Marín 1.200, Vitoria 1.400, La Rioja 1.750. Cáceres 1.600, Lleida 2.500.

A Concellería de Turismo editou 6.000 dípiticos promocionais que se reparten no propio stand. Estas accións directas permitirán que os seareiros poidan visualizar o potencial de Ourense, coñezan en que consiste a oferta termal, saiban que outros atractivos poden desfrutar en Ourense e, a través do marketing experiencial, teñan a oportunidade de sentirse na condición de visitantes das áreas termais de Ourense no expositor que se emprazará nos seus pavillóns deportivos.

Concursos e redes sociais

A campaña apóiase tamén en concursos e nas redes sociais. Os visitantes do stand poderán gañar unha estancia para dúas persoas durante unha fin de semana con entradas para a estación termal de Outariz.

O visitante terá que achegarse ao stand, sacarse unha foto e compartila en Facebook co hashtag #tripleenourense, comentando no texto que é o que lle resulta máis atractivo da nosa cidade, ademais de seguir a fanpage capitaltermal. O nome da persoa gañadora publicarase o día 5 de maio no Facebook Ourense Capital Termal.

Accións en desprazamento

O autobús no que se traslada o equipo para xogar os partidos tamén será soporte promocional da campaña, xa que na súa traseira loce xa a imaxe da campaña “Márcate un triple en Ourense”, nunha composición de 2250 x 3270 cm, na que dous dos xogadores máis populares do equipo: Dimitry Flis e Christian Díaz, posan nas Termas de Outariz.