Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Seguridade cidadá

Áreas

O Concello solicita a  medalla ao mérito para o axente da Policía Local que actuou no incidente con arma de fogo nun supermercado na cidade. O escrito foi remitido á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, organismo que será encargado de decidir sobre a concesión desta distinción.

A intervención do axente da Policía Local de Ourense no incidente con arma de fogo ocorrido a semana pasada nun supermercado da cidade pódelle servir para recibir a medalla ao mérito da Policía Local (ao abeiro do Decreto 243/2008 polo que se desenvolve a Lei 4/2007 do 20 de abril de coordinación de policías locais de Galicia), en virtude da solicitude enviada por parte do Concello de Ourense á Dirección Xeral de Emerxencias, organismo competente na coordinación de policías locais. Así o decidiron esta mañá nunha reunión co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, á que acudiron o propio axente Carlos Pérez Vázquez; acompañado pola intendente xefe da Policía Local de Ourense, María Barrera; e o concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadá, Carlos Campos.

O Expediente

O expediente remitido á Consellería de Presidencia destaca que a actuación do axente en “feitos excepcionais ou de particular relevancia, que non formen parte das funcións e cometidos normais dos seus postos de traballo no interior dun supermercado sito na Avda. Otero Pedraio desta cidade de Ourense, onde un individuo realizou varios disparos cunha arma de fogo (escopeta)”. O expediente tamén fai constar que “dada a gravidade dos feitos acontecidos, con risco para a integridade física das persoas e pola dilixente e meritoria actuación do axente derivándose un risco directo cara a súa persoa, a súa actuación pode ser acredora da medalla ao mérito da Policía Local”.

No expediente afírmase que concorre algún dos supostos contemplados para a súa concesión: “Intervir en actos de defensa e protección dos intereses que teñan encomendados e que poñan de manifesto calidades de valor, sacrificio, lealdade ou abnegación excepcionais e dos que se derive risco grave para a persoa, con independencia do resultado producido, sempre que superen o estrito cumprimento das súas obrigas e deberes regulamentarios”, así como “executar con éxito un servizo no que pola súa lealdade e extraordinaria dificultade ou importancia se evidencien importantes calidades profesionais ou cívicas”.

O escrito seralle remitido á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, organismo que será encargado de decidir sobre a concesión desta distinción.