Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Sanidade

Áreas

A Concellería de Sanidade do Concello de Ourense organiza un ciclo de obradoiros formativos que se desenvolveran ao longo de mes de marzo na cidade, dirixidos ás familias. Esta actividade dará inicio a unha nova edición do programa municipal Escola de Nais e Pais, que pretende axudar a proxenitores e educadores na súa laboura fundamental na educación dos cativos.

Cunha metodoloxía activa, dinámica e participativa, desenvólvense en 3-4 sesións, na que expertos como Angélica Ferro, Olga Paradela e representantes da Asociación ASEIA promoverán nos pais unha reflexión acerca do importante papel que as emocións xogan na nosa vida, ainda que ninquén nos ensinara a manexalas, cambialas ou aprendelas. Os obradoiros convídannos a que sexamos consicentes das nosas emocions e nos responsabilicemos delas para o noso benestar mental.

Unha boa educación emocional conleva un proceso de aprendizaxe no que se vai construíndo a visión do mundo de nós mesmos e dos nosos fillos.

Os obradoiros

  • O primeiro obradoiro leva por título “As emocións na familia” e consta básicamente de tres bloques: a educación das emocións, a intelixencia emocional e a disciplina positiva.
  • O segundo dos obradoiros abordará a sobreprotección e as súas consecuencias, e abordará temas como a educación para a autonomía, os riscos da sobreprotección, o acoso na infancia e a violencia filioparental.
  • O terceiro obradoiro do programa Escola de Nais e Pais abordará os cambios que supón a adolescencia nas familias, tratando temas como as drogas, a sexualidade, Internet, a alimentación e a saúde.

Inscricións

A actividade é gratuíta e ofértase a centros educativos e asociacións de nais e pais, que poden solicitar a inscrición para grupos de entre 10 e 25 personas.

Tamén é posible anotarse individualmente na Concellería de Sanidade, na rúa Vasco da Ponte, 1, teléfono 988 510 622. Neste caso, os participantes integraranse nalgún dos grupos constituídos. A día de hoxe, xa se constituíron dous grupos, a solicitude dos colexios Divino Maestro e Curros Enríquez.

A Escola de Nais e Pais

Escola de Nais é un programa que ten como obxectivo apoiar o papel das familias no desenvolvemento integral dos nenos para introducilos na sociedade tan cambiante que nos toca vivir.

A familia segue a ser o primeiro espazo educativo para as persoas e o primeiro axente de socialización, que posteriormente é secundado pola escola. A relevancia da actuación dos pais é moi importante tendo en conta a función da socialización da familia como universo simbólico, no que o neno interioriza regras sociais e códigos que o constituirán como ser humano axudándolle a conformar a súa personalidade.

Con estes obradoiros, o que se pretende é apoiar a nais, pais, educadores no proceso evolutivo, educativo e madurativo dos seus educandos, tentando fortalecer o seu papel referencial, potenciar a educación para a autonomía e a independencia e favorecer un bo clima emocional para desenvolver unha personalidade eficaz e adecuada para unha boa adaptación social.