Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Medio Ambiente

Áreas

O Concello de Ourense e a Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS) acordaron diferentes actuacións para unha mellora integral das canles dos ríos da cidade. Así, as reunións entre o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o presidente da CHMS, Francisco Marín, traduciranse na redacción de proxectos para a limpeza e restauración hidrolóxico – forestal, así como para a mellora da conectividade dos tramos urbanos dos ríos Miño, Barbaña, Barbañica (regato dos Muíños) e Loña, actuacións que se estenderán tamén aos regatos de Vista Hermosa, Valdorregueiro e Oira.

Os traballos de retirada de residuos sólidos e maleza -o departamento de Medio Ambiente constatou a proliferación de silveiras- comezarán cara ao verán, cando se produza a baixada no caudal das canles fluviais, co gallo de as brigadas traballen coa seguridade necesaria, xa que se executaran por medios manuais.

Porén, a colaboración entre Concello e CHMS tamén se estende ás zonas de lecer da ribeira termal do río Miño. Desta forma, consolidaranse os muros na canle do río Miño que delimitan as áreas termais. Nunha primeira fase haberá actuacións no Tinteiro e na Chavasqueira e, ao remate destas, comezarase a traballar na área termal do Muíño da Veiga.

Saneamento e depuración das augas residuais en Velle

Ambas institucións avanzaron no proxecto de Mellora do saneamento e depuración de augas residuais en Velle que suporá un investimento total estimado de 3 millóns de euros, que serán asumidos ao 50% por ambas institucións, segundo o protocolo firmado o 29 de xaneiro de 2016.

Segundo ao mesmo, á CHMS corresponderíalle a redacción do proxecto, a xestión das expropiacións -terreos, bens e dereitos necesarios, non sendo os de titularidade municipal, que lle serán cedidos- e a execución da obra, dirección e vixilancia da mesma. Igualmente, licitará, adxudicará e xestionará os contratos de obra e servizos. O Concello, pola súa banda, recibirá a obra de man da CHMS e farase cargo da súa xestión, explotación (directa ou indirecta), mantemento e conservación como única responsables de infraestrutura. Para o correcto desenvolvemento deste protocolo, constituirase unha comisión de seguimento composta por dous representantes de cada parte.

A rede de saneamento dunha parte da parroquia de Velle non está conectada ao sistema xeral de saneamento de Ourense. Posúe 4 fosas sépticas cuxo funcionamento é deficiente e provoca recorrentes verteduras ao río Miño e, por tanto, afecta á toma de auga potable da marxe esquerda. O acceso a estas fosas é complicado e, por tanto, o seu mantemento tamén o é. Estudaranse dúas alternativas de solución, por unha banda, incorporar estas augas á rede de saneamento xeral, e por outra, a execución dunha infraestrutura de depuración de augas residuais que dea cobertura para 600-1000 habitantes equivalentes do núcleo de Velle.

O Concello asume as competencias sobre medio ambiente urbano e tratamento de augas residuais, mentres que á CHMS correspóndelle a administración e vixilancia do dominio público hidráulico.

O alcalde, Jesús Vázquez, agradeceu expresamente a colaboración constante da Confederación Hidrográfica: “Hoxe damos un paso máis para seguir construíndo Ourense entre todos coa colaboración das diferentes administracións, cunha etapa onde o entendemento dá froitos para os nosos veciños e veciñas".