Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Medio Ambiente

Áreas

O grupo de traballo formado polos catro grupos políticos con representación no Concello para atoparlle solución aos contedores soterrados clausurados polo seu mal estado mantivo esta mañá unha nova reunión, a cuarta, coas empresas auditora e de certificación de seguridade coa fin de analizar os custes da solución adoptada por consenso: a da posta a punto das 75 estacións de recollida selectiva de lixo na cidade.

As diferentes variables pasan pola posta a punto, substituíndo o sistema electro mecánico por outro mecánico, a certificación, o cambio de cubetas -parcial ou total- ademais doutras coma a impermeabilización dos ocos máis prexudicados ou o servizo de mantemento.

Os diferentes grupos expuxeron os seus puntos de vista na xuntanza, perseguindo en todo momento o custe máis vantaxoso para as arcas municipais combinado coas máximas garantías de seguridade posibles. Neste sentido, o concelleiro delegado de Medio Ambiente, José Araújo, manifestou a súa intención de atopar unha solución satisfactoria para todas as partes e que consiga desbloquear o arranxo dos contedores da forma máis áxil posible.

As solucións que se achegarán a esta problemática deben ser singularizadas, xa que non todas as estacións de recollida se atopan na mesma situación de deterioro. Porén, a proposta do grupo de goberno municipal quere ser o máis áxil posible e axeitada para todos os casos, mesmo para garantir a súa mellor funcionalidade nos anos vindeiros para que non se produzan reparacións correctivas -de reparación de avarías- e o seu mantemento garanta a lonxevidade dun servizo non operativo desde o ano 2014.

O concelleiro José Araújo, en estreita colaboración cos técnicos de Medio Ambiente, relatará nos vindeiros días a proposta definitiva para o arranxo dos contedores soterrados en función das diferentes opinións expresadas na xuntanza desta mañá.