Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Medio Ambiente

Áreas

O Concello de Ourense acometerá unha posta ao día do servizo municipal de préstamo de bicicletas. Tras case dez anos de funcionamento, o Concello pretende iniciar unha necesaria modernización deste servizo municipal, para o que revisará o estado da totalidade das unidades, pintaraas de novo, avaliará a adquisición de novas bicicletas para incrementar as unidades existentes ou substituír aquelas que acumulen un maior nivel de uso co paso do tempo, así como outras melloras que podan redundar nun maior e mellor servizo público.

O Concello de Ourense iniciará esta posta ao día a partir deste mes cando vence o contrato de mantemento actualmente en vigor coa empresa San Mamede Bike S.L. A firma fora adxudicataria do concurso convocado polo Concello en 2016, por ser a que presentou a oferta máis vantaxosa. O contrato remata o venres, 3 de marzo, e non pode ser prorrogado. Por este motivo o servizo de préstamo de bicicletas estará temporalmente fóra de servizo desde o sábado, 4 de marzo.

A Concellería de Medio Ambiente elaborou un novo prego de condicións para adxudicarlle o servizo a unha nova empresa que se encargue do mantemento. O prego atópase arestora en tramitación na Concellería de Contratación para a súa próxima licitación.

As persoas –unhas corenta, segundo o rexistro de Medio Ambiente- que teñan abonado a taxa correspondente a este ano (5,30 euros), poden solicitar a devolución por escrito a través do Rexistro Xeral do Concello.

O Concello de Ourense pide desculpas polas molestias que ocasione esta interrupción do servizo ás persoas usuarias e comprométese a actuar coa maior celeridade posible coa finalidade de que se poda repoñer no prazo máis breve posible e acometer unha moi necesaria mellora e modernización deste servizo.