Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Igualdade

Áreas

O Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) do Concello de Ourense, integrado na Concellería de Igualdade, ten por obxecto prioritario a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, loitando contra calquera obstáculo que impida a realización do exercicio eficaz dos seus dereitos ás mulleres ourensás.

Para acadar esta finalidade pon á disposición da cidadanía un conxunto integral de accións e medidas que favorezan e impulsen transversalmente a igualdade e os recursos asistenciais precisos para pór fin ás situacións de abuso e discriminación das mulleres, contando para iso cun equipo de profesionais implicadas e sensibilizadas coas diversas problemáticas que poidan afectarlles. As intervencións teñen un carácter integral, multidisciplinar e gratuíto.

Neste senso a súa función primordial consiste en informar e asesorar as mulleres de cara ao exercicio eficaz dos seus dereitos, prestándolles apoio psicosocial e dándolles a coñecer os recursos dispoñibles na súa comunidade.

Obxectivos:

  • Concienciar a poboación en xeral da problemática específica que afecta ás mulleres como consecuencia da primacía dos valores androcéntricos da sociedade patriarcal e fomentar a igualdade e a equidade de xénero a través de actividades comunitarias (obradoiros, conferencias, xornadas, actividades culturais e de lecer...).
  • Denunciar calquera tipo de discriminación -sexa esta directa ou indirecta- e de situacións que supoñan un atentado contra a dignidade das mulleres (acoso sexual no traballo, moobing por razón de xénero, utilización das mulleres como reclamo publicitario...).
  • Dar a coñecer ás usuarias os seus dereitos, así como os servizos e recursos existentes na comunidade para o exercicio eficaz destes.
  • Asesorar e informar xuridicamente as usuarias do servizo dos pasos e trámites necesarios para resolver os seus problemas.
  • Proporcionar asesoramento, apoio psicosocial e terapia psicolóxica ás mulleres.
  • Prestar apoio e atención socioeducativa e familiar.
  • Previr e intervir especificamente na problemática da violencia de xénero servindo de canle de comunicación e coordinación entre as usuarias e os organismos con competencia na materia.
  • Formar en equidade de xénero a grupos de mulleres e de homes e implementar obradoiros promovendo o desenvolvemento da autoestima, as habilidades sociais e a creación de grupos de autoaxuda.
  • Impulsar a formación e a inserción sociolaboral das mulleres.
  • Fomentar a participación política e sociocultural das mulleres subtraéndoas da esfera doméstica como único ámbito de realización persoal, empoderándoas e dándolles xusta cabida no proceso de toma de decisións determinante do curso da orde social existente.
  • Impulsar e desenvolver políticas transversais de xénero reforzando a implicación dos homes ourensáns na loita pola equidade de xénero.
  • Dinamizar o Consello Municipal da Igualdade entre Mulleres e Homes potenciando o asociacionismo feminista e de mulleres e a inclusión de colectivos sociais implicados na loita pola igualdade e a equidade de xénero.
  • Potenciar e reforzar diversas medidas e actuacións que promovan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das ourensás e dos ourensáns.
  • Prestar asesoramento especializado a estudantes e persoal investigador sobre as funcións e intervencións levadas a cabo desde o centro, así como á poboación xeral, pondo á súa disposición os recursos e materiais existentes no Centro de Documentación.

Poboación Destinataria

Partindo da finalidade que deu orixe ao citado recurso, a prestación de servizos profesionais ten por beneficiarias fundamentalmente ás mulleres. Por outra banda, e tendo en conta os obxectivos apuntados anteriormente, os seus servizos esténdense á poboación xeral do concello ourensán, tanto no relativo a actividades de sensibilización, formación e campañas de prevención como a asesoramento especializado a estudantes e persoas usuarias do Centro de Documentación.

Ámbito Xeográfico de Influencia

O ámbito de intervención do CIM abrangue o termo municipal de Ourense, se ben atende tamén ás demandas procedentes de concellos limítrofes carentes deste tipo de recursos e a mulleres que, procedentes doutros lugares, son derivadas por diversas/os profesionais.

Recursos Humanos

O CIMM conta cos seguintes recursos humanos:

  • Unha psicóloga-directora do servizo
  • Unha asesora xurídica

Localización

Rúa do Ensino 24
Ourense (32002)

Teléfono: 988 393 191

Horario de Atencion ao Público

O horario específico de atención individualizada é de 8.30 a 14.30 horas. É conveniente solicitar cita previa.