Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Educación

Áreas

O Auditorio Municipal acolle ata o día 16 de xuño a exposición realizada por escolares do CEIP José García García Mende co gallo das Letras Galegas 2017. A mostra, que se presentou esta mañá, réndelle homenaxe a Carlos Casares e recolle o traballo realizado por alumnos e alumnas deste centro que ilustraron tres contos da obra “Vento Ferido”, do escrito ourensán. Cada escolar elixiu un momento do libro e elaborou un gravado coa técnica da linografía, facendo a matriz e a edición no obradoiro da aula de plástica.

A concelleira de Educación, Belén Iglesias, profesorado e alumnado do CEIP Mende presentaron a exposición, que recolle un total de 14 gravados e 10 ilustracións que se poderán ver no vestíbulo da planta principal do Auditorio. Tamén leron relatos recollidos en “Vento ferido”.

A programación de actividades organizadas polo Concello de Ourense para celebrar as Letras Galegas 2017 inclúe un amplo programa de propostas destinadas a dar a coñecer a obra de Carlos Casares:

  • O venres 12, ás 20.30h, o Auditorio Municipal acollerá a estrea da adaptación da obra “Os mortos daquel verán”, a cargo de Talía Teatro.
  • O luns 15, ás 11.30h, na Praza de San Martiño haberá unha actividade escolar e a actuación de Raquel Queizás.
  • O martes 16, ás 12h, o salón de Plenos será escenario do Acto institucional en homenaxe a Carlos Casares, e ás 13.30h, nos Xardíns Bispo Cesáreo descubrirase unha placa - escultura de Xosé Cid.
    • O mesmo día, ás 20.30h, no Auditorio terá lugar o concerto Letras Galegas a cargo da Real Filharmonía de Galicia, organizado polo Consello da Cultura Galega.
  • O mércores 17, de 11h a 21h, na rúa do Paseo instalaranse postos de venda das librerías ourensás
    • Ás 11.30h, a sala Valente será punto de encontro do Roteiro Carlos Casares, e ás 12:00h acollerá a actividade infantil: Carlos Casares con maxia e música
    • Ás 13h, no Paseo (á altura da sala Valente), comezará “Cantata e fuga para Carlos Casares”, actuación musical de Emilio Rúa coas palabras de Carlos Caneiro.

Ademais, durante estes días, e ata o 21 de maio, na sala Valente está aberta ao público “Os mundos de Carlos Casares”, a exposición central sobre a figura, a obra e o tempo do autor, con máis de 500 pezas intrinsecamente ligadas á súa vida.