Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O mércores 4 de outubro iníciase no Teatro Principal unha nova tempada do Enclave de Cámara co concerto de Dalia Quartet, cuarteto de corda catalán que interpretará A Arte da Fuga de J.S. Bach e obras de Haydn, Guix e Brahms.

O Dalia Quartet é a confluencia de catro músicos que, tras anos desenvolvendo as súas respectivas carreiras musicais no ámbito da orquestra e a praxes solística, deciden unirse nun cuarteto de corda ante a necesidade dun espazo paralelo á orquestra para poder profundar no repertorio de cámara e explorar deste xeito linguaxes estéticas que só un marco coma o do cuarteto de cordas, íntimo e cun altísimo grao de complicidade, fai posible.

Os catro membros (Oleguer Beltran e Elena Rey, violíns, Anna Puig, viola, Erica Wise, violonchelo) compaxinan o cuarteto cunha carreira orquestral consolidada vencellados a conxuntos como a Mahler Chamber Orchestra, Lucerne Festival Orchestra, Camerata Bern, Orquestra Da Camera, Dortmunder Philharmoniker, a Orquestra de la Comunitat Valenciana ou o Trío Lorca.

Tras os concertos de presentación en 2014, o Dalia Quartet xa afrontou compromisos de prestixio, destacando o seu debut na Schubertíada en Vilabertrán no 2015 formando parte do ensemble que interpretou Das Lied von der Erde (Canto da Terra) de G. Mahler dirixida por Josep Pons, así como a residencia no renovado Teatro de Sarrià e outras actuacións en Cervera, no Auditori de Barcelona e no Palau de la Música Catalana.

PROGRAMA DO CONCERTO

No seu concerto en Ourense, o Dalia Quartet propón conxugar unha das obras fundamentais da música en Occidente – A Arte da Fuga, de J.S. Bach (1685-1750) – cunha das últimas pezas compostas por Josep María Guix (Reus, 1967), autor catalán que, malia empregar recursos instrumentais occidentais, busca sonoridades e impresións que nos achegan a Oriente e á cultura xaponesa.

Tamén obras de Haydn e Brahms compostas na madurez das súas respectivas carreiras. A destacar o papel solista do violonchelo en distintos momentos da obra de Haydn que nos presentan, así como a presenza dunha fuga. Quizais pretendendo afastarse do mundo cortesán e clásico e unha chiscadela ao pensamento de Rousseau e Goethe xa camiño do Romanticismo.