Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

Logo dunha intensa semana co espectáculo de cabaret de The Hole, o Auditorio Municipal retoma a súa actividade habitual cunha mestura de teatro para todas as idades, humor e música para os máis cativos da casa. Entre os encargados de darlle vida á programación desta semana atopamos nomes coma os de Touriñán, Ledicia Sola e David Amor en Amigos ata a morte; a Magín Blanco coa súa Banda das apertas, ou os responsables de Talía Teatro, que veñen de acadar un recoñecemento á mellor escenografía na gala dos María Casares por Foucellas.

Foucellas. Da historia ao mito. Do mito á ficción teatral (Talía Teatro)

Xoves 6. 20.30 horas. Sala Principal. 80 min. +18 anos Anticipada: 5€. Billeteira: 6€.

Elenco: Toño Casais, Artur Trillo, María Ordóñez, Dani Trillo.

Sinopse: Ano 1952. Un maquis, un guerrilleiro, un home do monte, un deses que a xente denominaba xenericamente un “foucellas”. Mesmo podería ser o Foucellas. Ou non. Nunha situación desesperada, cun compañeiro como único resto do que outrora fora a súa partida, acomete a súa derradeira acción: o atraco, con secuestro incluído, dun labrador acomodado, antigo militante agrarista, e da súa muller. Unha ficción que especula sobre un momento histórico, pero tamén un motivo metafórico para reflexionarmos sobre un transo co que, en maior ou menor medida, nos enfrontamos decote nas nosas vidas: a administración da derrota.

Fíos do querer (Cé Orquestra Pantasma)

Venres 7. 18.00. e 19.00 horas. Sala Apego. 40 min. Ata 5 anos. Gratuíto para bebés. Anticipada: 3€. Billeteira:4€

Elenco: César Freiría Prado: Cé orquestra pantasma

Sinopse: Os meniños e meniñas, gozarán de cantigas de primeiras palabras, para abanear, para dar bicos, facer palmiñas, xirar, brincar... O espectáculo está dividido en dúas partes: unha primeira de música para xogar, cantar e bailar e unha segunda de exploración instrumental con axóuxeres e obxectos sonoros naturais logrando, entre miúdos e grandes, armar unha pequena orquestra.

Amigos ata a morte (Etiqueta negra)

Venres 7. 21.00 horas. 90 min. +16 anos. Últimas entradas á venda.

Elenco: Xosé Antonio Touriñán, Ledicia Sola, David Amor.

Sinopse: Comedia sobre a amizade e o amor, dous ingredientes que queremos para as nosas vidas pero que, como é ben sabido, se se mesturan moitas veces explotan… Nacho, Anxo e María. Dous homes, unha muller… e claro, polo menos un par de historias de amor. Eles son tres amigos dos de toda a vida, tres amigos inseparables, ou ao mellor non. Un xiro inesperado deixará patas arriba a vida dos protagonistas, que terán que ver de outro xeito a amizade.

A banda das apertas (Magín Blanco)

Domingo 9. 12:00 horas. 50 min. Todos os públicos. Anticipada: 3€ . Billeteira:4€

Elenco: Magín Blanco, María Faltri, Jorge Juncal, Jerry Noia

Sinopse: A banda das apertas, composta por Magín Blanco, María Faltri, Jorge Juncal e Jerry Noia teñen un longo percorrido acompañando a A nena e o grilo nas súas propostas escénicas, e chegou o momento de voar sós; nesta nova produción as músicas do creador Magín Blanco convivirán con outras coñecidas cancións que o público familiar recoñece e valora da historia da música contemporánea, e que permitirán gozar en familia dun concerto, no que o público é parte do elenco: coreando, acompañando e sobre todo desfrutando con esta banda das Apertas.

As entradas están á venda en www.ataquilla.com e na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función.