Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

A campaña de Nadal Ourense con Luz Propia chega á súa fin este xoves 5 coa celebración da tradicional Cabalgata de Reis e, ao remate e por vez primeira, cun innovador espectáculo de fogos artificiais nas marxes do río Miño a cargo da pirotecnia Josman. As súas maxestades chegarán á estación de tren Empalme ás 18:00 horas, e desde alí iniciarán un percorrido polas rúas da cidade atravesando a avenida das Caldas, a ponte Romana, Progreso, e Doutor Marañón para, ás oito do serán, facer a entrada na Praza Maior.

O séquito real estará composto por preto de 300 persoas entre animación e figurantes, que irán sobre as súas carrozas e animando a todos os ourensáns que se acheguen ao percorrido. Pechando o desfile estarán os servizos de limpeza, que irán restablecendo a normalidade ao paso da cabalgata. Logo da Praza Maior, onde as súas maxestades se dirixirán aos nenos alí congregados, a comitiva trasladarase até a Comisaría da Policía Local, en na rúa Victoria Kent, escoltados por vehículos policiais e de Protección Civil.

O nivel 4 de alerta antiterrorista, decretado no conxunto do Estado no mes de decembro, fará que a Policía Local e a Policía Nacional estean coordinadas para o normal desenvolvemento das actividades baixo a máxima seguridade.

Logo da cabalgata, fogos artificiais

Os actos do xoves pecharanse cun espectáculo pirotécnico que quere, por vez primeira, unirse á maxia da noite. Así, desde a marxe dereita do río Miño, a pirotecnia Josman realizará unha pioneira demostración de luz e cor que lle poña o broche á xornada máis entrañable das festas do Nadal.

Por este motivo, a rúa Ribeiriño manterá pechada desde mediados da tarde por motivos de seguridade. A Policía Local manterá igualmente un dispositivo de control para que o público non invada a estrada N-120 durante o espectáculo pirotécnico.

Cortes de tráfico: itinerarios alternativos no barrio da Ponte.

A Policía Local recoméndalle aos condutores que traten de evitar o acceso ao percorrido da Cabalgata, xa que haberá diversas rúas pechadas por tal motivo. O primeiro corte de tráfico producirase ás 17:00 horas no barrio da Ponte: anularase o acceso á avenida das Caldas e xa non se poderá acceder á explanada da estación de tren. Algúns dos itinerarios alternativos propostos pola Policía Local son os seguintes: a circulación que proveña da estrada de Vigo (N-120) ou de Madrid (N-525) cara a Santiago terá que acceder pola estrada de Monforte (N-120) e viceversa.

A circulación que baixe pola avenida de Santiago deberá acceder á avenida de Marín e Ponte Nova. Cando a cabalgata cruce a ponte romana abrirase o tráfico nos tramos descritos.

Cortes de tráfico: itinerarios alternativos no centro da cidade.

Pouco antes das 18:00 horas pecharase ao tráfico rodado o resto do itinerario. Por iso, debe evitarse circular desde o Xardín en sentido centro cidade ou acceder á rúa Progreso desde o Pavillón dos Remedios, avenida da Habana, Sáenz Diez, Juan XXIII ou Parada Justel. Os itinerarios alternativos son amplos, tanto por San Francisco, Couto ou Centro Cidade a través de Curros Enríquez.

Do mesmo xeito, retiraranse os veladores instalados na rúa Progreso para o mellor tránsito do público, volvendo todo á normalidade logo de que os servizos de limpeza recollan o lixo da cabalgata.