Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

Nadal

A cidade ilumina con centos de lámpadas de cores as súas rúas e prazas, hai concertos do Nadal, ambiente entre as xentes que pasean polas rúas mirando escaparates á caza dese último agasallo, de lonxe escóitase como un loteiro ambulante: anuncia que leva o premio gordo e o do "neno". O ceo adquire a tonalidade gris esbrancuxada da néboa; esta atmosfera máxica que o envolve todo...

Exténdese esta festa desde Noiteboa ata Reis, chegando en moitos pobos ata ou San Mauro, ou San Antón, data na que comezan as romaxes do ano.

A noite de Nadal é a máis longa do ano, cando as tebras duran máis tempo, coincidindo co solsticio do inverno; pero trunfa a luz sobre as tebras: Cristo que nace trunfa sobre as tebras da noite deste mundo.

Nestas datas xúntase a familia, raíña a ledicia, visítanos a neve e os nosos vellos, a carón do lume, recitan contos e lendas. Tempo doce, suave e agarimoso, tempo de esfolla do millo, do fiadeiro, da mata do porco e dous labores textis. Serve para reforzar-os sentimentos da unidade familiar, pois neste día acoden á casa paterna fillos e netos; despois dá cea as xentes non teñen presa en se deitaren, veñen vos veciños, beben viño quente con azucre e mel, licor café, contan contos e entoan panxoliñas.

Os rapaces van ó monte e recollen o musgo para faceren o Nadal , ou Belén. Empregan serrín, papeis prateados, estrelas, axóuxeres, fariña, árbores, casiñas, anxos que dan a noraboa, labregos, moita xente, pastores, o boi, a vaca, o meniño que colocan no medio dun pesebre, ó seu carón a Virxe que ten no colo a Deus e San Xosé de pé adorando ó meniño.

Non falla o castelo de Herodes, encarnación dos homes malos; tampouco a ponte, o río, as luciñas que se acenden e apagan dentro das casiñas de cartón. As figuras que aparecen son feitas den cortiza, de barro ou de cartón. Semella unha aldea vivente no fondo dun val ou no cume dunha montaña. Cada pobo, ou cada cultura, ten o seu xeito de face-lo nacemento e festexa-lo Nadal.

Afincando na capela de San Cosme, en Ourense, atopámonos coa visión cósmica que nos regala Baltar co seu Belén ourensán. Baltar enche de vida o barro , os seus personaxes semellan os do Bosco, Goya ou Miguel Anxo. Está posto sobre unha paisaxe granítica imitando penedías cubertas de musgo que baixa desde os cumes do Montelagre, e correndo por alí un Regueiro. Os personaxes están tremendo de frío, xunto á lareira que non quenta e só fai fume porque a leña é verde, dúas vellas dándolle á roca, outras a amasa-lo pan preto do forno.

Amósanos homes importantes ante o misterio, rapaces tolleitos, entangarañados, tolos e marxinados. Non so saen os vivos, senón tamén ós mortos da cidade. Une o mundo vexetal dos amieiros, castiñeiros, carballos e vidueiros co mundo animal do gato, do burro e do boi que lle da calor ó neno e co mundo humano dos carreiros, romaxes, pazos, adegas e petos das ánimas.

Baltar recolle a vida do Ourense primitivo, enxebre e lúdico.

 

(Texto artigo extraído do libro "Ciclo Festivo Ourensán"; de Enrique Bande Rodríguez e Luís Fernández Rodríguez.)

 

Os Maios

A festa dos maios acostuma a celebrarse desde as últimas noites do mes de abril ó longo do mes de maio, pero ten o se cume no día tres, data que coincide coa festividade cristiá de Santa Cruz.

Na capital das Burgas existen dous tipos de maios: os tradicionais ou “enxebres”, que son de forma piramidal ou cónica: e os artísticos ou de fantasía, que poden representar dende un monumento artístico da cidade ou doutro sitio ata un boneco da televisión.

A orixe dos primeiros non se coñece, o mesmo que ocorre cos de Pontevedra, Marín, Redondela, Vilagarcía de Arousa, etcétera; aínda que se diferencian deles en que adoitan ser máis altos e en que a mayoría tradicionalmente rematan cunha cruz e, por debaixo dela, unha forma de campá dentro dunha circuferencia, que lembra o feito de que antano levasen na cima pendurada unha campá que tanxían ó andar; para que a xente soubese onde estaban. Un grupo de 1935 cantaba referíndose á forma do seu maio:

É una pirámide

Casi invencibre

Sino da raza

E da nosa estirpe

Os artísticos ou de fantasía son moito máis recentes, pois datan dos primeiros anos do século pasado; apareceron xa algúns pouco antes de que se convocasen os primeiros concursos , segundo di Vicente Risco, e, tendo en conta que él nace en 1884, é de supoñer que soubese como se desenvolveran dende finais do século XIX.

“En Ourense, e o mesmo en Allariz, o Maio ten feitío , polo regular de pirámide, e máis raramente de cono…”

Istes son os Maios que hoxe chaman “tradicionales” mais xa enantes de ter sido instituída a festa dos Maios, con Certame e premios, apareceran os que chaman “de fantasía” que representan torres, eirexas, castelas, muiños de venta, a “torre Infiel” (Eifel) de París, a da catedral de Ourense, a Ponte Maior, as fontes da Burga, do Posío, da praza do Ferro, hórreos, palleiros e medas, casas…, hasta chegóu a haber un representando un carro con bois e o home coa aguillada; hóuboos de movimiento, como recentemente un afiador cuia roda funcionaba e cuia perna movíase. Traballos moitos diles moi ben feitos de verdadeira dificultá e inventiva”

¿De que están feitos os Maios? En 1962 dicía Vicente Risco que sabía ben da traxectoria seguida polos maios da súa cidade natal donde os últimos anos do século XIX: “ A armadilla é de pau, e por riba soen porlle, polo menos modernamente, tea vella dos sacos (arpilleira) para aegurar Nela o musgo tradicional que recobre todo, e riba do musgo póñenlle algunhas frores e espadanas. No cumio, o Maio leva unha cruz, e, ás veces, debaixo vai unha campá. Modernamente introduciuse adornar os Maios con bugallos ou carrabouxos enfiados nun cordel, e tense dado o caso dalgún Maio cuberto exclusivamente de bugallos”.

Do que de deduce que o emprego da arpilleira ou saco para suxeitar o musgo é, polo menos, de finais do século XIX, mentres que os carrabouxos, que agora constitúen un dos motivos ornamentais máis característicos dos maios ourensáns, son de introdución moderna, das primeiras décadas do século pasado.

Antes os Maios empezaban a percorrer a cidade pola mañá, pasando todo o día actuando nas rúas e nas prazas e, en xeral, onde houbese moita xente. Como lembra Xaquín Lorenzo Fernández a festa non remataba ata a noitiña logo de chimpar o maio ó río Miño “

O característico do Maio era o feito de ser levado ó lombo por varios rapaces recorrendo as rúas. Ó chegar a algunha praza, un rapaz metíase dentro e cantaba as coplas, e os outros repetíanas ó redor, facendo así que fose o Maio quen facía a crítica”.

“O Tío Marcos da Portela do castro” de maio de 1884 referíndose ó día anterior, di que

“Os nenos levan polas rúas cuberto de frores o maio e facendo roda coas maus collidas cantan as copras de costume” polo que é de supoñer que fose así como actuaban antigamente.

Ó rematar de cantar facían unha colecta entre os espectadores, ós que tamén lles daban ou vendían as coplas impresas.

 

(Texto artigo extraído do libro "Ciclo Festivo Ourensán"; de Enrique Bande Rodríguez e Luís Fernández Rodríguez.)

 

San Lázaro (17 de marzo)

O culto en Ourense ao santo data do s. XI, no que se lle adica unha capela chama San Lázaro Vello erguéndoselle tamén un hospital en 1.191. Capela e hospital estarían situados fóra da cidade, onde hoxe se ergue o colexio de Curros Enríquez.

Hoxe a festa xa perdeu o sabor tradicional, pero segue sendo obxecto de celebración un día ao ano. Ese día no Parque de San Lázaro seguen a colocarse rosquilleiras, segue viva a misa solemne e tradicional procesión para rematar coa famosa queima das madamitas.

 

(Texto artigo extraído do libro "Ciclo Festivo Ourensán"; de Enrique Bande Rodríguez e Luís Fernández Rodríguez.)

 

Festas Maiores de Ourense

A festa do Corpus agroma nunha data na que comezaban a xurdi as herexías eucarísticas, e por iso institucinalizouna para toda a Igrexa o Papa Urbano IV nunha bula que leva por título “Transitus” en 1624. Na Península sabemos que se festexou primeiramente por Levante e Aragón.

Ignoramos cando se fixo en Ourense, pero matinamos que foi cedo xa que en 1354 o bispo don Juan de Cardallac da unha ordenanza regulamentando a procesión.

Ó entrar en funcionamento a liña de ferrocarril Ourense – Vigo e ó saíren as xentes no mes de agosto a tomar baños de mar a Vigo, Baiona e Pontevedra volveuse restablece-la festa don Corpues como a festa grande da cidade. A Partir de 1901 vense celebrando como tal.

A festa do Corpus tivo desde as súas orixes dúas caras indisolublemente unidas: a sagrada ou relixiosa e a profana. Durante moitos séculos houbo na festa unha mestura de elementos profanos (cantos, danzas, máscaras) e relixiosos (procesións, misas) e outros moitos ritos sacros.

Facendo unha reconstrución do século XIX sabemos que: Á véspera, entre lusco e fusco, cantaban as vésperas solemnes na Catedral con asistencia do pobo varrían as rúas, cubrían o chan con ramos e herbas, puñan tapices nas fiestras e balcóns, erguían arcos de triunfo e altares portátiles de múltiples colgaduras e sementaban de pétalos de rosa a cidade.

Á mañá seguinte, despois da misa, saía a procesión que constituía sempre o elemento máis importante da festividade…Enchían os aires repiques de campás e bombas.

Ondeaban pendóns. … A procesión facía paradas nas que meniños vestidos de branco recitaban versos "exemplos" compostos para estes actos por D. José García Mosquera,

D. Joaquín García Valderrábano e D. Matías Tundidor. Recitábanse tamén sonetos e odas e cantábanse himnos á entrada e á saída da Catedral.

Formaban tamén parte do séquito as autoridades civís: o Sr. Gobernador, unha comisión da Deputación Provincial e do Concello como Sr. Alcalde á fronte, militares, relixiosos e relixiosas, institucións recreativas e culturais e por último, detrás de todo, ía o pobo crente.

Nunca faltaban danzantes que interpretaban danzas procesionais diante do Santísimo ó ritmo das castañolas, nin gremios, nin confrarías, comparsas e

A dimensión profana comezaba á véspera ó mediodía cun repique xeral de campás e con gran cantidade de voadoras enchendo o aire, sons que anunciaban a festa do día seguinte.

Xigantes, cabezudos e comparsas percorrían a cidade facendo pantonímicas evolucións.

Músicos e gaiteiros alegraban o ambiente cos seus doces sons poñendo en rúas, prazas e currrunchos unha nota alegre.

Comparsas luxosamente ataviadas anunciaban a festa.

Había disparo de cohetes, bailes de sociedade, derroche atronador de bombas, danzas, verbenas, globos ascendentes e xogos florais con premios á calidade artística, literaria e artesanal. No Posío había bailes campestres, música e gaiteiros. Tamén se celebraban exposicións agrícolas e gandeiras.

Facíanse concursos de orfeóns, chegados de diversas provincias para actuar no Liceo – Recreo, no Clube de Artesans e no cine Moderno. Había asaltos e bailes de sociedade na Alameda do Concello e na Praza da Constitución polo día e durante a noite no teatro da rúa da Paz.

Tamén se organizaban actos culturais como audicións musicais, conferencias, exposicións, concursos de natación e festivais. Viñan circos, tiovivos, barracas, churrerías, casetas de tiro, postos de améndoas de Allariz e rosquillas de Ribadavia, polbo e barquillos. De noite De noite acendían o alumeado público de aceite na Praza da Constitución e utilizaban lámpadas de arco voltaico para ilumina-las festas.

Non podía faltar tampouco a nota deportiva: carreiras de bicicletas, descensos do Miño… Representábanse veladas musicais na Praza Maior, na Alameda, no Xardín do Posío, na Praza de Abastos e nos Xardíns de Concepción Arenal.

A organización das festas era dual: o aspecto lúdico ou profano dirixido por gremios e irmandades e o aspecto relixioso rexentado polos cregos.

Actualmente Ourense vive nestas datas de finais de xuño as súas festas grandes, nas que se suceden numerosos eventos culturais en forma de concertos de música, de actos deportivos, celebracións de diversa índole etcétera.

Ábrense cunha gran presentación na Praza Maior e están acompañadas na rúa de pasarrúas, verbenas, actuacións musicais e ata un mercado medieval, sen esquecernos dun clásico que sempre entusiasma aos pequenos da casa: o desfile das carrozas da Batalla de Flores e os espectaculares fogos artificiais.

 

(Texto artigo extraído do libro "Ciclo Festivo Ourensán"; de Enrique Bande Rodríguez e Luís Fernández Rodríguez.)

 

Samaín

É unha festividade cuxos orixes son celtas, e non é nin máis nin menos que a despedida en termos agrícolas do verán e a benvida ao outono.

Celébrase na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro, os americanos popularizárono co seu chamado "Halloween" (tradición herdada dos emigrantes irlandeses), en Galicia lévase celebrando secularmente, e aínda que nalgúns puntos perdeuse a tradición, sábese que ata fai uns trinta anos, a festividade estaba bastante estendida.

Considerado este momento do calendario no mundo celta algo así como en “Ano Novo”, xa que este calendario partía o ano en dúas metades, no mes de outubro - novembro empezaba a chamada metade escura “Samonios” e en abril - maio; a metade clara “Giamonios”.

En Irlanda coñécese como Samhain en galego Samaín.

Estúdase actualmente a relación entre o uso das cabazas e o culto á morte, sendo este costume similar ás irlandesas; nalgúns lugares ata se conserva a cabaza e a súa "cascara ou caparazón" sécase para posteriormente utilizala como máscara no Entroido.

 

Magostos – San Martiño

O magosto, festa de outono, consérvase máis o menos modernizado na Galicia interior, abondosa en castañas. Xa quedaron atrás as tarefas estivais: Sega, seitura, maia, vendima, colleita e algún labor de outono como a sementeira do centeo. Despois de recollidas as castañas, xúntanse as xentes para comelas, folgar e beber viño novo; formando unhas reunións festivas que salientan o senso da unión do barrio, da parroquia, do colexio, pobo, agrupación cultural, política ou recreativa polo seu matiz comunitario, reforzando así os vencellos de pretenza e una comunidade veciñal.

Comezou a facerse o día de Santos e Defuntos por ser unha comida de mortos, polo que se celebraba nos adros da igrexas, pois en Galicia a parroquia dos vivos vive unida á parroquia dos mortos. Co paso do tempo, no s.V, introduciuse a devoción a San Martiño en Ourense, o santo fíxose padroeiro da diócese e a festa do pobo, que era o magosto, trasládase para o día de San Martiño. A importancia do San Martiño non vén do magosto, porque nesta cidade o San Martiño tería unha festa da mesma importancia.

Pero na provincia séguese a facer nos Defuntos, á noite, despois de rezar polos mortos.

Así vaíse á lareira ou á adega, ásanse alí as castañas facendo unha comida ritual en memoria dos mortos.

Celébrase nas adegas, ó pe do forno, nas lareiras, nasa eiras do pobo, nos xardíns de vilas e cidades e principalmente no monte.

O monte é o lugar axeitado, porque esta festa faise no mundo non humanizado. O magosto pertence ó monte e ós mortos, mortos que non andan polos camiños dos vivos que andamos polas rúas, corredoiras, carreiras e estradas; os mortos son os da noite, andan polos montes, no espacio non habitado, nas fragas, nos muiños e ó pe dos ríos.

A Santa Compaña e o Urco non se presentan de día, senón de noite, aparecen nos camiños vellos, nos escampados, nos montes. Como o magosto é una festa dos mortos debe facerse no monte.

Non se trata dunha festa urbana, senón dunha festa do medio natural, do monte da natureza inculta do espacio non habitado. Concretamente en Ourense tivo vida o magosto cando se fixo en Montealegre, nos cumes penedosos de Piñor, na costiña de Canedo e no picouto do castelo Ramiro; cando se oficializou e se trouxo ó campo dos Remedios, á Alameda do Concello, á Finca Sevilla … Posúe un carácter festivo e xubiloso, de acción de gracias polos frotios recollidos, tamén un carácter heroico de homenaxe á castaña e ó viño. Ten un carácter sacral por sacraliza-la leña, o fume, o viño, o monte e as castañas. A castaña simboliza a vida e a morte porque incha, medra e rebenta; por iso escóllese nalgunhas parroquias o adro como lugar para facelo no día dos Difuntos como coparticipando deste reunión ós difuntos.

Agroma moita creatividade e imaxinación nel, porque cada grupo realiza o seu magosto sen unhas normas fixas.

O magosto está inmerso nun triple contexto: agrario, lúdico e sacro que contribúen a convertelo nun auténtico e expresivo ritual colectivo.

Ó remeta-lo magosto hai que dar morte a un lume ritual. Morreu a castaña estoupando, ou ardendo, e nace a vida coa Ledicia e o pracer do viño novo que fai rexurdir ás xentes dándolles creatividade, imaxinación e ganas de brincar e troular.

A castaña no ourizo,

O ourizo no castiñeiro;

Non te namores meniña

Do fillo do mariñeiro.

 

(Texto artigo extraído do libro "Ciclo Festivo Ourensán"; de Enrique Bande Rodríguez e Luís Fernández Rodríguez.)