Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O Proxecto Youtubeir@s, no que participa o Servizos de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, lanza a segunda edición dos seus premios coa vontade de promover e de lle dar visibilidade ao uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado global: Youtube. O prazo permanecerá aberto até o vindeiro 15 de marzo para as tres categorías (vídeo-facermos, vídeo-opinarmos e canle), e até o 20 de febreiro para a #propostayoutubeira, a novidade desta edición, e na que se poderán propoñer os mellores vídeos doutras persoas.

Nesta segunda edición dos Premios Youtubeir@s repartiranse tres premios de 1.000 euros e cinco de 500 euros para os vídeos gañadores, e o xurado valorará tanto o enxeño e a creatividade, coma a calidade técnica, a eficiencia comunicativa ou a calidade lingüística.

  1. Vídeo-Facermos. Esta categoría é para os vídeos nos que se amosen os saberes e procesos de elaboración a través de titoriais para que outra xente poida aprender. Así, entrarían nesta categoría receitas de cociña, trucos de maxia, habilidades especiais, etc.
  2. Vídeo-opinarmos. Trátase de expor unha opinión ou valoración arredor dun tema de interese e dun xeito argumentado. A temática é libre.
  3. Canle. Pódese presentar ao certame unha propia canle de vídeos, sempre que sexan de produción propia. Valorarase a calidade na creación de contidos, a traxectoria, a constancia e a capacidade de repercusión (número de visualizacións, comentarios, interaccións...)

Na primeira edición dos Premios, Ourense tivo un protagonismo moi activo con dez participantes. Unha das propostas participantes -a de Eira Losada- chegou até a final do concurso. Para esta segunda edición, o propio alcalde, Jesús Vázquez, anima á participación con este vídeo.

Toda a información e bases completas, en www.youtubeiras.gal