Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

A cidade de Ourense celebra este sábado 11 de novembro, día de San Martiño, a súa festa popular con máis raigame, os Magostos, declarada festa de interese turístico. Será no parque do Barbaña, e contará con todos os ingredientes clásicos desta festa: 1.000 quilos de castañas asadas, 2.000 bolos preñados (e 50 para celíacos), 200 botellas de viño e 1.500 augas. Para amenizar a tarde, haberá música a cargo das asociacións folclóricas As Daniñas e Gomes Mouro. O prezo é de 1€ por ración (castañas, bolo preñado, auga ou viño).

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, animou na presentación do programa festivo a toda a cidade a participar do Magosto, “a festa máis singular e arraigada da nosa cidade”, pero sempre mantendo unhas estritas medidas de seguridade que este ano se incrementan pola declaración, por parte da Xunta de Galicia, de alerta de incendios por seca até o 12 de novembro. “No que respecta aos magostos que se celebran pola cidade, lembramos que é preciso que tanto as asociacións de veciños como os colectivos de outra índole ou particulares notifiquen no Concello a celebracións dos seus magostos”, explicaba Vázquez Abad, “coa fin de remitirlle á Policía Local e aos Bombeiros estas solicitudes para o seu informe”.

Bando

“Co obxecto de unificar as normas de seguridade nestes festexos, anúnciolles que esta Alcaldía ditará un bando no que se recollerán as recomendacións de Protección Civil, Policía Local e Bombeiros para que a celebración dos Magostos sexa óptima e sen riscos para as persoas”, explicaba o alcalde.

Así, contemplaranse normas coma a prohibición de utilizar materiais explosivos ou inflamables nas fogueiras, que estas deben manter unha distancia mínima de 15 metros respecto de calquera lugar habitado, tendido eléctrico ou outras instalacións coma mobiliario público ou contedores. A distancia incrementarase a 30 metros cando se trate de masas arbóreas, debendo estar o perímetro limpo e rozado. Así mesmo, as dimensións das fogueiras non deben superar os 3 metros de altura nin os 4 metros de diámetro.

O bando incidirá tamén en que os responsables de cada magosto deban asegurarse de que o lume queda completamente apagado antes de abandonar o lugar.