Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O Auditorio Municipal de Ourense vén de presentar a súa oferta cultural para os primeiros meses de 2017. Unha programación na que as artes escénicas -con estreas de diferentes compañías- e a música conforman unha proposta diversa e plural pensada para todos os públicos, pero especialmente para os máis pequenos. “Podemos presumir de programación cultural e de converter o Auditorio nun referente cultural para Ourense e a súa contorna, mesmo de toda Galicia”, afirmaba a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, na presentación.

Dividida en dous bloques, o xeral e o infantil, a oferta do Auditorio foi todo un reto para os técnicos da Concellería “pola dificultade de atopar espectáculos de nivel que non pasasen xa pola cidade”, en palabras do programador, Manuel Freire.

No bloque infantil, as citas clásicas dos domingos pola mañá e a oferta para bebés (do programa Apego) compilan musicais, monicreques e teatro para cativos.

Para todos os públicos destacan, sobre todo, os concertos de Milladoiro 'Máis de 35 anos de música galega polo mundo', o vindeiro 21 de xaneiro, Chenoa co espectáculo 'Soy humana' o 18 de febreiro, os gaiteiros da Xistra con 'Sandra e Meirol en Xistralia' , ou o peche do Ourencanto .

Actuacións teatrais

No apartado escénico, o 26 de xaneiro celebrarase a estrea de 'Resaca', a nova obra dos ourensáns ilMaquinario (seleccionada para importantes feiras do sector), 'Voaxa e Carmín' ou a interpretación da historia “das Marías” compostelás a cargo de Eme2, 'Desconexión' de Xurxo Cortázar ou 'O último dragón', adaptación teatral da compañía Sarabela para os máis pequenos.

2016: un bo ano para o Auditorio.

Un total de 128.772 persoas pasaron polo Auditorio en 2016, o que supón unha cifra récord de asistencia e un incremento do 24% con respecto ao ano anterior. A evolución dos últimos anos non para de medrar desde 2013, cando foron 81.316, 83.500 en 2014, e 104.042 en 2015. Por meses, xuño foi o que máis xente meteu no Auditorio, con 19.940 persoas. No tocante á división por actividades, o teatro citou a un de cada tres, seguida das actividades infantís (16%), a música (13%), as actividades escolares (12,5%) e as proxeccións (10%).