Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Asuntos Sociais

Áreas

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Asuntos Sociais, porá á disposición da cidadanía, a partires do luns 4 de decembro, dúas liñas de actividades para o curso 2017/18: as que se desenvolverán nos Centros Cívicos municipais, destinadas a de escolares e persoas adultas de todas as idades, e o programa de Envellecemento Activo, para persoas maiores de 60 anos. Desde mañá, 4 de decembro, as persoas interesadas poderán coñecer a programación completa, datas e horarios, nas propias dependencias municipais e, por primeira vez, a través do espazo web www.ssociaiscursos.com.

E desde o día 13 poderán, ademais, realizar a inscrición online para facilitar o proceso, axilizalo, e evitar desprazarse até a Praza Maior. No caso de ter problemas, haberá persoal de apoio no Centro Cívico Colón e na Oficina de Atención ao cidadán.

A oferta de actividades é resultado da convocatoria aberta realizada polo Concello de Ourense na que persoas e empresas tiveron a oportunidade de ofertar as súas iniciativas. En total, convocaranse 53 cursos e preto de 1.500 prazas entre as dúas liñas de actividades.

Centros Cívicos

As actividades dos centros Cívicos divídense en dous apartados. Os dedicados a nenos e nenas dividiranse entre as clases de apoio, actividades de luns a venres, e actividades de fin de semana. Así, haberá actividades como Detectives Sociais, O meu ludoclube, Construímos comunidade, Acaso ti non loitas contra o acoso?, entre outras. No caso dos pequenos / as non haberá límite de prazas, ao seren cursos, maioritariamente, de conciliación da vida laboral e familiar.

Entre as de adultos, con 480 prazas ofertadas, haberá cursos de Crafty, Ximnasia abdominal hipopresiva, Arte terapia, Informática, redes sociais, emprego de smartphones, bailes latinos e de salón, etc.

Envellecemento activo

A maior oferta de prazas dos cursos da Concellería de Sofía Godoy concéntranse no programa de Envellecemento Activo, destinados a persoas maiores de 60 anos do Concello de Ourense, en total 880 a través de 24 cursos ou actividades: Ioga e taichí, teatro, inglés, risoterapia, mantemento físico, informática básica e emprego de teléfonos, natación, memoria, relaxación, primeiros auxilios, etc.

Estas preto de 1.500 prazas ofertadas súmanse ás 600 ofertadas durante a convocatoria de novembro-decembro. Ademais, durante o ano 2016-17, aumentáronse 300 horas nos programas dirixidos a nenos e nenas co gallo de conciliar de forma óptima a vida laboral e familiar.