Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Asuntos Sociais

Áreas

A concelleira de Asuntos Sociais e Xuventude Sofía Godoy visitou a horta ecolóxica social da Carballeira, posta en marcha polo Concello e Sustinea para fomentar a empregabilidade no sector da agricultura ecolóxica. Durante dúas semanas, un total de vinte alumnos e alumnas recibiron formación de carácter teórico e práctico, cun total de 50 horas, que lles permitirán buscar unha saída laboral neste sector de actividade.

A concelleira Sofía Godoy valorou moi positivamente esta acción “que permite contribuír a ese obxectivo fundamental deste Concello que é fomentar o emprego e neste caso o autoemprego, especialmente para persoas en situación ou risco de exclusión”. De feito, alumnos e alumnas que participaron nesta acción formativa manifestaron a súa intención de buscar unha saída laboral neste sector, e continuarán explotando a horta posta en marcha na Carballeira.

Esta acción está emarcada no proxecto “Un Rural para Tod@s”, que establece ferramentas para paliar a ausencia de recursos económicos e o fomento da inclusión social mediante a agricultura ecolóxica. A primeira fase do proxecto foi a recuperación e preparación do terreo abandonado que se realizou o pasado verán nun Campo de Traballo con 20 mozos e mozas de toda Europa. Coa creación dunha horta ecolóxica no medio da cidade achéganse tamén ás persoas os beneficios que supón un espazo verde para a saúde, tanto a nivel físico como psicolóxico, ao ambiente, á economía e ao tecido social do barrio.

A acción foi desenvolvida por Sustinea, unha entidade non lucrativa de actuación en todo o territorio galego que fixa o Desenvolvemento Sostible como alternativa á degradación natural e como saída ás necesidades locais.

O Concello e Sustinea colaboran na actualidade en varias accións de fomento da empregabilidade para persoas en risco de exclusión, ás que o Concello leva destinado unha achega de 10.300 euros, desde as concellerías de Asuntos Sociais, Xuventude e Igualdade. Entre elas, obradoiros sobre diferentes temáticas relacionadas coa agricultura ecolóxica e o medio ambiente con asociacións de mulleres rurais, mulleres vítimas de violencia de xénero ou asociacións veciñais, entre outras.