Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Asuntos Sociais

Áreas

O Concello de Ourense vén de habilitar senllas vivendas no barrio de Covadonga destinadas a pisos de emerxencia social pola Concellería de Asuntos Sociais.

A reforma, efectuada grazas aos 20.000 euros achegados pola Obra Social de laCaixa, foi destinada a mobiliario xeral e das cociñas, pero non só: “Adaptáronse as liñas eléctricas á normativa vixente e tamén se lle fixo unha limpeza a fondo das paredes cunha cuberta de escaiola, xa que estaban bastante deterioradas, fontanería e billas, roupa de camas, colchóns, e tamén menaxe para as cociñas, así coma outros elementos coma lavadora e tendal”, explicou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Xunto ao rexedor, tamén visitaron os pisos a concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, e os representantes de laCaixa, Marc Benamou, quen lembrou os numerosos proxectos en materia de inclusión social que desenvolve co Concello de Ourense, e Fernando Garza.

O proxecto de Asuntos Sociais aproveitou ao máximo o espazo posible combinándoo coa maior funcionalidade de forma que se poida acoller o máximo número de persoas posible sen aglomeracións. Trátase, pois, de elementos comúns e de habitabilidade que permitan dotar estes dous pisos “dunhas condicións e comodidades mínimas para vivir dignamente”, sinalou o rexedor, “un obxectivo que este Concello quere para o 100% dos veciños”.

Desde este momento, o Concello de Ourense gaña na prestación de servizos encamiñados á parte máis vulnerable da sociedade. O compromiso é o de xerar o maior aproveitamento destes recursos, moi necesario para estes tempos difíciles nos que a fenda cos colectivos en risco de exclusión social é cada día máis grande.

Estes dous pisos darán cobertura temporal nos casos de emerxencia, tales como desafiuzamentos inminentes, mulleres vítimas de violencia de xénero ou habilitados para os programas que o Concello de Ourense desenvolve con diferentes organizacións.

Actualmente hai 950 veciños de Ourense en risco de exclusión social, segundo os datos do departamento de Sofía Godoy.